Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Peonalización si

Están convencidos de que unha rúa sen coches atrae máis clientela até as súas portas // Viven mellor sen o ruído do tráfico que antes ateigaba o barrio // Descontentos co modelo brando que instaurou o Concello, prefiren que os vehículos se eliminen ao cen por cen

En San Pedro non é sinxelo posicionarse a favor da peonalización. Moitos dos que a apoian dino coa boca pequena e nalgún caso incluso prefiren permanecer no anonimato. “Non é a primeira vez que me retiran a palabra”, comenta algún comerciante. “Baixaron as vendas por outras cousas, non porque haxa menos coches. Noutras cidades nas que se eliminou o tráfico, ninguén se arrepentiu”, admite unha empresaria que leva máis de tres décadas na rúa. Descontenta co modelo brando que instaurou o Concello, considera que o mellor para o barrio sería vetar os coches ao cen por cen. En sintonía cos que critican a desaparición do tráfico rodado, comparte a necesidade de restablecer a liña seis de transporte urbano.

“Queremos meter o coche até na cama. Terían que desaparecer todos do centro da cidade”, critica Antonio Rodríguez Pérez, un hostaleiro que leva 35 anos na zona. “Agora que non poden aparcar, xa non serve de nada que pasen por aquí. Unha rúa peonil atrae máis xente e é moito máis tranquila porque temos menos ruído”, celebra mentres avoga por limitar máis aínda a circulación.

“Isto non é nin unha cousa nin outra”, defende na mesma liña unha comerciante que, despois dun par de décadas en San Pedro, prefire salvagardar a súa identidade para evitar malas caras. “Unha rúa peonil convida a parar diante dos escaparates, a pasear cos nenos… Os coches, como non teñen onde aparcar, non paran”, advirte.

“Agora xa non me caen as cousas das estanterías cada vez que pasa un coche. Antes era excesivo. Melloramos moito en canto a calidade de vida”, bromea Patricia Calviño, dun establemento de produtos naturais. Quítalle ferro á polémica que envolve o barrio e lembra o que sucedeu hai anos cando se fixo peonil o casco vello. “Todo é unha cuestión de respecto. Ten que pasar máis tempo”, apunta.

“Son das poucas que intenta camiñar pola calzada, pero a invasión peonil é imposible. Non hai ambiente de bulevar”, recalca Silvia Martín Morcillo, dunha óptica que leva oito anos na zona. “Entendo que autobús urbano teña que pasar por aquí, pero o tren turístico non debería atravesar a rúa. Ten demasiadas frecuencias”, critica.

13 nov 2016 / 16:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito