Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

"A peor xogada" de Música das Baleas xa ten videoclip

Estreouse onte no CEIP de Caión, do que forma parte a banda infantil gañadora do certame Quero Cantar, da Deputación da Coruña // O fío condutor do audiovisual é un alegato a favor do diálogo como forma de resolución de conflitos

O grupo A Música das Baleas nacido no CEIP de Caión (A Laracha) baixo a batuta do mestre de Música, José Carballido, e formado por alumnado do coro do centro escolar, estreou onte o videoclip da canción A peor xogada, coa que gañaron o certame Quero Cantar de música infantil e xuvenil da Deputación da Coruña.

Foi no propio colexio onde se fixo a primeira proxección dun audiovisual que alterna secuencias no interior da escola con outras exteriores, para as que aproveitaron a propia contorna privilexiada do centro, situado á mesma beira do Atlántico. A historia que se narra busca ilustrar o alegato a favor do diálogo como forma de resolución de conflitos, que é a cerna da mensaxe contida na letra de A peor xogada. O vídeo xa está publicado tamén nas redes sociais do certame e na súa páxina web.

O CEIP de Caión vestíuse onte de festa para gozar do momento da estrea e abríu as súas portas para celebrar a presentación do traballo. Ao acto asistíu o deputado de Cultura, Xurxo Souto, quen destacou a importancia de estimular o talento que crece hoxe en día nos centros educativos. Ademais, quixo "recoñecer e salientar o gran esforzo que as nenas e nenos, o profesorado e tamén as familias realizan neste tipo de proxectos; ese traballo acaba regalándonos a todos creacións tan fermosas como A peor xogada". Á cita sumáronse tamén o tenente de alcalde da Larahca, José Ramón Martínez, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, entre outros.

Os integrantes de A Música das Baleas deleitaron aos asistentes cunha interpretación en directo do seu exitoso tema e, posteriormente, abriuse un coloquio no que as nenas e nenos amosaron a súa soltura respostando a numerosas preguntas formuladas por compañeiros e compañeiras, medios de comunicación e outros membros da comunidade escolar.

O ideólogo do proxecto e director da banda, José Carballido, asegurou que "a experiencia foi mesmo mellor do que esperaba nun principio. Se tivese que destacar algo sería a convivencia que propiciaron as horas de ensaio, as actuacións no Teatro Colón e no Cultural ou a propia gravación do videoclip".

A Música das Baleas está formado por oito nenas e tres nenos, e naceu a partir do coro do colexio que dirixe o mestre de Música. A canción que protagoniza o vídeo e coa que acadaron o premio provincial fóra inicialmente composta por José Carballido para ser interpretada na conmemoración do Día da Paz, e nela reflíctense diversos estilos musicais, desde o rock duro de aire gótico ata a música clásica e a inclusión de elementos da música tradicional galega.

Baixo a súa batuta, no ano 2017, alumnos, mestres e persoal non docente do CEIP caionés protagonizaron outro vídeo no que versionaron a tradicional peza Camiño de Caión, que acadou tamén unha grande repercusión na canle Youtube da rede de redes.

Logo de obter o galardón no Quero Cantar, José Carballido aseguraba a este xornal que "o máis importante é que os nenos e nenas vexan que o traballo ten a súa recompensa. Iso é algo que, para mín, non ten prezo".

13 feb 2020 / 21:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito