Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os peregrinos do Camiño Portugués contan cunha renovada área de descanso en Chenlo

Atópase xunto ao río Valga e conta cunha marquesiña que dá acubillo aos camiñantes e bancos para o repouso // A ruta lusa a Santiago é a segunda máis transitada, con máis de 30.000 peregrinos no que vai de ano

Os peregrinos que realizan o Camiño Portugués a Santiago contan cunha renovada área de descanso ao seu paso pola parroquia de San Miguel.

Trátase dun enclave situado no lugar de Chenlo, xunto á ponte sobre o río Valga, onde se executaron obras de restauración dunha estrutura de madeira destinada ao repouso dos camiñantes.

A vella instalación atopábase xa deteriorada debido ao paso do tempo, ás inclemencias meteorolóxicas e ao seu uso por parte dos peregrinos, polo que se proxectou unha actuación de mellora integral.

A marquesiña cuberta que da acubillo aos camiñantes foi cambiada por unha completamente nova, ao igual que os bancos para o descanso dos peregrinos. Tamén se instalaron as correspondentes varandas de protección e unha plataforma de madeira que sostén todo o conxunto e que bordea o río Valga por unha das súas marxes.

A restauración desta área de descanso é unha das actuacións máis salientables de entre outras obras de de mellora que se están levando a cabo no tramo do Camiño Portugués que discorre polo termo municipal de Valga, co obxectivo de ofrecer aos peregrinos unha ruta nas mellores condicións posibles e facerlles máis levadeiro o seu camiño cara Santiago.

O Camiño Portugués é a segunda Ruta Xacobea máis transitada, chegando case aos 68.000 peregrinos en 2018. Entre xaneiro e xuño de 2019 alcanzou os 30.534 camiñantes, un 13’31% máis que no mesmo período do ano pasado, segundo os datos estatísticos da Oficina do Peregrino.

23 jul 2019 / 11:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito