Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{TRIBUNA LIBRE}

A perversión da inocencia

    NO SEU DÍA pasou con dificultades a peneira da censura, mais desde entón a novela de Ana María Matute, Primera memoria, Premio Nadal 1959, ten sido editada unha e outra vez en distintos formatos. O pasado mes de xuño recuperouna de novo Ediciones Destino como un dos seus textos clásicos. Ana María Matute é una narradora da literatura española de posguerra e a súa obra constitúe unha literaturización obsesiva dun rodopío de temas como a nostalxia polo paraíso perdido, pola infancia irrecuperable, polo espertar da adolescencia, por radiografar os estados de ánimo dos seus personaxes.

    Todas estas obsesións fan acto de presenza en Primera memoria, una novela na que o lector acha adolescentes nas beiras do abismo da idade adulta e sen ningunha alternativa. Esa carencia de opcións descóbrea con abraio Matia, a protagonista principal e voz narradora, enclaustrada cun primo na casa da avoa durante os primeiros meses da guerra civil, que se deixa sentir desde a distancia asombrándoo todo. Naqueles insulares e infindos meses estivais, soportan rutinas e obrigas e atrévense coas súas pequenas maldades que lles fan enfrontarse cos seus propios monstros e lles obrigan a albiscar "a escura vida das persoas maiores" e a transitar de nenos a adultos apenas sen referentes nos que medirse durante os momentos traumatizantes do estourido da guerra.

    Malia o paso dos anos e autocensura coa que foi escrita a novela, Primera memoria é un texto que non avellentou, feito debido ao talento creador de Ana María Matute, capaz de nos fascinar con descricións dos estados de ánimo dos personaxes. A autora soubo meterse na alma dunha rapaza de catorce anos e, desde alí, encher o texto da novela con sorprendentes achados que nos permiten percibir como se ve e como se sente unha adolescente no intre de perversión da inocencia. Amosa a autora igual mestría ao reflectir o ambiente opresivo dun espazo pechado, dunha illa dunha illa ateigada de inimizades encistadas, entroncando asemade os caracteres e os sentimentos cos paisaxe e o clima, debuxados cunha prosa tan plástica, penetrante e evocadora que estes operan no fondo tamén como verdadeiros actantes.

    19 jul 2012 / 23:04
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito