Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
INSPIRACIÓN PARA OS ARTISTAS

A pintoresca torre de Vilagarcía de Meadelo

“Meadelo, como torre, como construción señorial, era realidade viva na xeografía arousá de Vilagarcía aló polo S. XIV, o que non quere dicir que a súa antigüidade fose maior. Controlando unha vía de comunicación principal que discorría ao seu pé, non exercía basicamente de forte control visual dos territorios marítimos, a súa localización restáballe este servizo tan propio doutros inmobles medievais”

Co grafito na man, o mozo E. Campo Sobrino, emocionado, chegara ata a parroquia de San Xes de Bamio. Sobre o papel comezou a deliñar con simples trazos a faciana estrutural dunha desmouchada torre, a cal se dicía de Meadelo (ou Miadelo, dependendo de quen a pronunciase). Enzoufando de manchas escuras a parte superior do bosquexo suxestionábase a vexetación que invadía o edificio, para simultaneamente declarar na parte inferior da lámina un propósito de continuación, unha esixencia investigadora co debuxo arqueolóxico: "Para hacer". Era 1907, o xenial creador —obcecado co estudo dos restos e arquitecturas do pasado— contaba só con 17 anos (se os tiña cumpridos, que o dubidamos) e cun entusiasmo admirable, que o levou a realizar multitude de láminas artísticas que hogano se pronuncian coma veraces documentos visuais. O debuxo a lapis, onde se contempla unicamente na mortalla pétrea unha parede en pé e parte doutra lateral, reside actualmente no Museo de Pontevedra, legado que nos deixou aquela Sociedade Arqueolóxica da que formaba parte o portentoso e malogrado artista.

Non enxergamos moi ben a causa pola que o rapaz se dirixe ata alí. Si... xa se sabe que os petróglifos dos Ballotes tiveron para el un quefacer, un tempo e unha reflexionada estampa. Se cadra puido contactar con P. Gorordo, co que mantiña unha boa amizade (ratifícanolo así A. Núñez Sobrino), para deseguido amosarlle este o que nalgures, coma tesouro, se camuflaba. Asemade tamén é certo que aqueles perpiaños amoreados, abafados na mesta frondosidade do elemento silvestre, comezaron a portar un mellor rumor dende que L. Bouza Trillo, nese mesmo ano, inicia a publicación (na Crónica Carrileña), da súa novela curta titulada La Torre de Miadelo, e na que o vello edificio, tal e como se insinúa, era o escenario principal. Foi tanta a transcendencia do asunto que mesmo aquel bosquexo lle serviu de base ao artista plástico para elaborar outro máis vizoso (e de igual finalidade documental); confeccionaría, pero xa esta vez a toda cor, a portada do texto manuscrito daquela obra (segundo declaracións do noso amigo, e neto do amentado xornalista, Gonzalo Bouza-Brey), orixinal, ou mellor dito orixinais, que cómpre saísen algún día do prelo editorial, recompilados e rescatados para o gusto (beneficio intelectual) de todos.

Meadelo constituía un elemento definidor de historia, unha estrutura de control militar engarzada na terra do Salnés, en Vilagarcía de Arousa. A súa presenza procuraba un claro obxecto, ademais do castrense, inspeccionar —e se cadra fiscalizar— as mercadorías que se carrexaban e trasfegaban por unha importante vía de comunicación que discorría ao seu carón, a cal ligaba as dispares comarcas do interior pontevedrés cos lugares costeiros do mar da Arousa, e máis concretamente co porto de Carril. A función de control do litoral probablemente non lle foi de seu, o predio onde se erguera (non moi lonxe dos gravados rupestres chamados da Pedra do Encanto), axudaba ben pouco de vixía. Aválanos esta opinión, asemade, V. Caramés Moreira, arqueólogo do Museo do Mar de Galicia e amplo coñecedor desta xeografía arousá, así como tamén de parte das nosas ribeiras (históricas, vestidas de testemuños do medievo, osixenadas de lendas e dicires).

No que afecta ás noticias documentais que xiran ao redor de Meadelo, teriamos que comezar dando conta dunha doazón realizada ao mosteiro de San Martiño de Fóra polo crego da parroquia de S. Pedro de Cea, que se chamaba Fernán Joanes Salgado. Na entrega, que se efectúa en 1248, aparecen como patrimonios outorgados a décima segunda parte da amentada igrexa (a cal o cedente a podería gozar durante toda a súa vida) e así mesmo os quiñóns que lles eran de seu nas freguesías de Sta María de Isorna e nesta de S. Xes de Bamio.

Alén diso, o primeiro testemuño da presenza da construción castrense rescatámola dunha información do ano 1405, o que nos vén ofrecer un "mínimo relativo" datado no século XIV para a biografía do inmoble. Tal documento achéganos que aquel que por ese tempo era prior de S. Martiño Pinario fixera secuestro de diversos bens que estaban en mans laicas; e asegurándose a existencia dun casal chamado do Pazo ao carón da Torre de Meadelo, cuxos herdos formaban parte do dominio absoluto do mosteiro de S. Martiño Pinario, malia que non sabemos realmente quen era nesas alturas o seu directo administrador. Naquel entón e nesta xeografía o meirande supervisor, e simultaneamente beneficiario, das rendas monásticas da declarada comunidade regular compostelá, en calidade de encomendeiro, non viña ser outro que D. Diego Álvarez de Soutomaior (señor da fortaleza de Lantañón); así se nos quere suxestionar ao revisar os estudos de M. Lucas Álvarez.

Tempo corrido, volve dar latexos vitais a estrutura de Meadelo cando se menciona na documentación dun conflito que mantiñan por 1483 D. Fernán de Castro (señor de Peñaflor e Montaos) e o mariscal D. Sueiro Gómez de Soutomaior. O problema radicaba nos lindes das súas propiedades, posto que tempo atrás chegaran a uns acordos de permutas que non deberon quedar totalmente claros, ou ben insatisfeitas ambas as partes. Resolverase o asunto do xeito seguinte: ao señor de Peñaflor halle quedar a metade meridional do porto de Carril (coas súas casas, rendas, foros e señorío), o lugar de Antadelo, Trabanca Sardiñeira e S. Xiao de Romai (co seu beneficio, tributos e dereitos...); pola contra ao mariscal correspóndelle a metade restante do porto de Carril (a setentrional), S. Xes de Bamio, S. Mamede de Baión, S. Pedro de Cea, S. Miguel de Deiro e o couto de Renza (en S. Martiño de Sobrán). Este último prócer, ademais, tal e como se declara na información consultada, non tiña integrado no seu haber o lugar de Trabanca (Badiña, ou da Torre) nin o de Meadelo; ademais o primeiro lugar reservábaselle para os herdeiros e familiares de Fernán Cao de Cordido, porén do segundo ignoramos a súa exclusividade naquelas alturas. Ademais exceptuábanse por seren do señorío monástico de S. Martiño Pinario; aínda que isto non quere afirmar que os lugares —como as súas respectivas torres— non estivesen aforados ou posuísen cadanseu administrador como xa temos intuído para o de Trabanca Badiña.

"O vello cacique

—¿quen me o quer mercar?—

que dende o seu pazo

amola ao paisán,

fala castelán

 

O repartimento

das utilidás

tamén ven escrito

todo en castelán"

(Nadel, ‘Falan castelán’)

 

24 jun 2006 / 18:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito