Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Potencian o turismo e o estudo arredor do dolmen de Dombate

A Deputación financiará con 60.000 euros o servizo para atender aos visitantes e as actividades culturais // Organizaranse obradoiros de prehistoria nos colexios // A asistencia este último ano creceu respecto ao 2018

O dolmen de Dombate, ubicado en Borneiro, no municipio de Cabana de Bergantiños, está catalogado como unha tumba colectiva e considerado como a catedral do megalitismo galego. Co obxectivo de colaborar no mantemento do servizo de atención a visitantes e na programación cultural arredor do dolmen; a Deputación abonará ao Concello de Cabana de Bergantiños 60.000 euros. E é que o presidente da entidade, Valentín González Formoso; o alcalde, José Muíño Domínguez; e o deputado de Contratación, Xosé Lois Penas, asinaron na sede da Deputación o convenio polo que dito concello seguirá ocupándose do servizo de atención de visitantes, divulgación e organización de diversas actividades culturais durante o 2020 neste monumento.

Con esta aportación faranse visitas guiadas e didácticas, fomentaranse estudos e investigacións e incluso se desenvolverán obradoiros de prehistoria para centros escolares da provincia. Ademais, explicou Valentín González, poranse en marcha actividades complementarias sobre o monumento como "actuacións musicais, conferencias culturais e científicas ou actividades que gozan dunha gran acollida entre o público coma as visitas nocturnas que se levan a cabo durante a época de verán".

Tamén hai que sinalar, engadiu González Formoso, a "Ruta das Estrelas, un roteiro a pé que sube dende o aparcadoiro do centro arqueolóxico ao monte Borneiro para contemplar a choiva de estrelas das Perseidas durante a noite de San Lourenzo e que en pasadas edicións contou coa colaboración do físico Jorge Mira", explicou o presidente da Deputación.

No tocante ao horario de visitas hai que destacar que as guiadas serán únicamente de fin de semana en tempada baixa (de xaneiro a febreiro e do 18 de setembro ao 27 de decembro) e tamén en horario de mañá (de martes a venres, de 10.00 a 14.00 horas) entre o 1 de marzo e o 30 de xuño. Durante o verán e a Semana Santa, Dombate ofrece visitas guiadas a diario, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, así como nocturnas durante a época estival.

Durante o 2019 o dolmen de Dombate recibiu un total de 26.760 visitas, o que implica un incremento respecto ao 2018, no que se contaron un total de 26.365 visitantes. De feito houbo meses nos que se experimentou un importante crecemento respecto ao ano anterior. Entre eles en xaneiro, que de 317 pasouse a 366 visitantes; abril (de 1.735 a 3.364), outubro (de 964 a 1.125) ou decembro (de 729 a 1.850). Con todo, xullo e agosto, con 3.814 e 6.698 visitas rexistradas, respectivamente, volven a ser os meses con maior afluencia de público; mentres que xaneiro (366) e novembro (tamén con 366) foron os que contaron con menor cantidade de curiosos.

{ A OLLADA }

Catedral megalítica

o dolmen de dombate data entre o 3.000 e o 2.500 a.c. e o seu bo estado de conservación levouno a ser considerado a catedral do megalitismo galego. Este monumento é obxecto de distintas excavacións e estudos e de feito para conservalo está protexido por unha cúpula de madeira e hai un centro de recepción e interpretación do mesmo. A Deputación adquiriu o dolmen no ano 1975 e dende finais dos 80 comezaron as excavacións arqueolóxicas para sacar á luz restos de arte e pinturas que se atopaban no seu interior. É verdadeiramente unha xoia da arte megalítica galega e por iso todas as axudas son poucas para poñelo en valor.

O PROTAGONISTA

Valentín González

Presidente da Deputación

"É UNHA DAS XOIAS DO NOSO PATRIMONIO"

O presidente, Valentín González Formoso, destacou a "importancia singular" que ten Dombate dentro do amplo catálogo do patrimonio histórico-artístico da Deputación da Coruña, "como demostran as preto de 27.000 visitas recibidas o ano pasado", indicou. "Xunto co mosteiro de Caaveiro, Dombate é unha das xoias indiscutibles do patrimonio da Deputación", dixo. "Non só polo importantísimo número de persoas que se achegan a coñecelo cada ano a Cabana de Bergantiños, convertendóo no principal recurso turístico e cultural do municipio, senón polo seu gran valor histórico e etnográfico", afirmou o presidente. Lembrou asemade que numerosos expertos en prehistoria "seguen aínda a día de hoxe estudando o xacemento de Borneiro e os grabados do seu interior para tratar de descifrar os enigmas da súa historia milenaria".

20 ene 2020 / 21:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito