Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premiadas tres empresas de Ames polo uso do galego

Trátase de Biosbardos, Xestiago e Xestoría Xeral Galega // Lévanse 833 € e publicidade

O salón de plenos do Concello de Ames acolleu este xoves, 31 de xaneiro, o acto de entrega da primeira edición do Premio Lingua e Empresa, que nesta ocasión recaeron nas empresas Biosbardos, Xestiago e Xestoría Xeral Galega. Ao evento, que comezou ás 19.00 horas, acudiron representantes do goberno, membros da Corporación municipal e os integrantes do xurado do concurso.

As concelleiras de Participación Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, e de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, así como Salomé Blanco, integrante do xurado, foron as encargadas de entregarlle os premios aos representantes das empresas. O premio consiste nunha dotación económica de 833,33 euros e unha campaña de difusión na Radio de Ames para cada empresa.

Mediante esta iniciativa, impulsada polas concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica, o Concello de Ames buscou "gratificar de maneira pública a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua na actividade económica do Concello".

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacou a participación das 13 empresas que optaron a este premio e dixo "agardo que o premio vaia medrando ano a ano e que para a próxima edición se incremente o número de empresas participantes". Ademais, incidiu en que "hai moitos establecementos e empresas que xa fan uso do galego na súa actividade, pero a través desta iniciativa demos un primeiro paso para implicar a máis entidades. Preténdese que o uso do galego non sexa un obstáculo senón un aspecto positivo".

Por elo, explicou a concelleira, na concesión do premio tívose en conta o uso da lingua galega en ferramentas como páxina web, redes sociais, servizos e atención ao cliente.

02 feb 2019 / 23:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito