Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
FÁBULAS ANTE A CRISE

Presentado en Santiago o texto teatral 'Tres Logomonos', que corren perigo de ser Logomenos ou mesmo de chegar a non ser

A obra de Gustavo Pernas, dirixida por Ánxela G. Abalo, represéntase este venres e esta sábado no Teatro Principal

A librería Couceiro foi escenario da presentación do libro teatral 'Tres Logomonos', de Gustavo Pernas e editado por Laiovento. Efectivamente, foi o escenario porque o propio autor, que é ademais actor na representación dirixida por Ánxela G. Abalo, usou o recinto libreiro situado na compostelá praza de cervantes para regalarlle aos asistentes tres momentos da súa obra, en vivo. Foron momentos especiais nos que se experimentou a deconstrución da linguaxe anunciada por un dos presentadores, o escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello; momentos nos que apareceu o monodrama e nos que se puido palpar a fábula do noso tempo, a crítica aceda: "que veñan os políticos a recoller os anacos do que fomos, e que fagan unha lei Orgánica", di o personaxe feito de anacos e chamado NonHé con toda solemnidade despois de rexeitar nacer, de non querer entrar nun mundo rompido e desfeito no que non hai ninguén.

E malia a decosntrución da linguaxe, os Logomonos -monólogos ao revés- queren recuperar a forza e a esencia das palabras, en contra da praxe destes tempos que vive da maquillaxe dos conceptos: axustes en lugar de recortes, reforma laboral en vez de despedimento barato, mobilidade externa por emigración da mocidade... e así tantos que relatou o propio autor. Miguel Anxo Fernán Vello, que escribiu o prólogo e quixo homenaxear o traballo e a resistencia dos editores nestes tempos difíciles, salientou o carácter "desaprobatorio" da obra, mesmo de imputación, e loou a ousadía de certas pasaxes, tamén na representación da que se responsabilizou Ánxela G. Abalo.

Ánxela reflexionou sobre eses personaxes, de tinxes valleinclanescos, fabulatorios e intensos para, tamén, aplaudir o traballo de entrega e xenerosidade do autor dos textos na escena. Por certo, que a obra vaise representar no Teatro Principal de Santiago este venres e este sábado. A directora, igual que os propios protagonistas do libro, foi moi crítica cos que nos gobernan, que non saben o que teñan nas mans, e laiouse con rabia da demolición do edificio cultural galego que foi contsruíndose co tempo. Agora desmantelan a cultura e nomeadamente as artes escénicas, e destruír e moi fácil, dixo. E malia todo confesou, nunha efímera concesión ao optimismo, que está de celebración porque naceu un texto de teatro, escrito en galego, cun autor galego e editado por unha editora galega no ano no que as Letras Galegas se lle dedican a un home do teatro: Roberto Vidal Bolaño.

O autor-actor tamén cargou as tintas contra os que gobernan e, realizando diversos xogos de palabras, aludiu aos momentos de enorme dificultade que vive o teatro. Non desbotou que, tal como van as cousas, os logomonos se cadra quedarán en logomenos, ou mesmo poden chegar a 'non ser'. Despois vestiu a pel dos tres personaxes da obra e falou por eles diante dun aforo escaso pero encantado.

O espectáculo teatral, de Ancora Produccións, foi cualificado de anovador, polo texto e pola posta en escena, con imaxes e espazos sonoros e lumínicos impactantes. Colgados, Pisados e Snakizados son as tres partes que o compoñen. Os Tres Logomonos que retratan a crise. Colgado quere redimir a humanidade toda, Pisado que alerta a unha sociedade xorda, e NonHé, feito de anacos, non quere nacer. Ironía e crítica nos tempos que corren.

Colgados -A incrible historia de Homesoga o colgado de Celeiro- Homesoga é convidado polo concello a colgarse pola humanidade toda en tempos de crise.

Pisados -Botamán de Melide o home que falaba cos zapatos- Na atalaia do monte de zapatos, alza a súa voz para alertar a unha sociedade xorda, desconcertada ante os tsunamis reais, sociais, económicos, políticos que estamos a vivir.

NonHé, como xa se dixo, non quere nacer.


Cando e onde
Venres 26 abril ás 21:00 horas
Sábado 27 abril ás 21:00 horas
Teatro Principal

Prezo das entradas: 10 euros

Na función do sábado 27 estudantes e xubilados: 6€
Puntos de venda Billeteira do Teatro Principal de Santiago. Aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h.

Os días que hai evento no teatro, a venta anticipada remata ás 20.00h e só se venden entradas para o espectáculo dese día.

Teléfono da billeteira: 981 542 349

entradas.novagaliciabanco.es

18 abr 2013 / 21:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito