Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
literatura

Presentan a primeira tradución galego-rusa de poemas de Rosalía

A padronesa inaugura unha serie que se adicará a recoñecidos autores galegos, como Castelao ou Cunqueiro ·· O anuncio fíxoo a profesora Zernova, do Centro de Estudos Galegos na Universidade de San Petersburgo

    A profesora do Centro de Estudos Galegos da Universidade Estatal de San Petersburgo, Elena Zernova, presentou onte en Padrón o décimo volume da antoloxía bilingüe galego-rusa de poemas de Rosalía de Castro, que é a primeira tradución de versos da poeta ó ruso.

    No acto, ao que acudiu a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a tradutora ó galego da obra de Alfredo Conde, colaborador de EL CORREO GALLEGO, destacou que con esta colección, "en Rusia agora moita xente sabe onde está Galicia e valora a poesía galega".

    A tradución da obra de Rosalía ó ruso é a "consecuencia" dun estudo que o Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo leva realizando dende 1993. Ó longo deste período, trazouse en nove volumes un panorama da poesía galega trovadoresca que quere abordar tamén a obra dos poetas no século XXI. Así é como Rosalía encabeza unha serie de volumes "que imos dedicar a cada un dos nomes eminentes da literatura galega", entre os que Zernova destaca a Cunqueiro, Blanco Amor, Vicente Risco, ou Castelao, autor que sairá despois de Rosalía e que Zernova xa está a estudar. "Aproveitarei estes días que estou en Galicia para traballar nas bibliotecas buscando textos e debuxos de Castelao", explicou.

    Esta tradutora considera a Rosalía "a figura máis importante que impulsou o Rexurdimento". A tradución que onte se presentou é a primeira obra que se dedica integramente á poeta de Padrón en Rusia. Recoñece que até agora, só se verqueron ó ruso algúns fragmentos da obra da autora de Follas Novas e Cantares Gallegos.

    Porén, asegura que en Rusia existe unha tradición da poesía clásica moi boa e a obra de Rosalía "polo contido e o seu simbolismo" foi moi ben recibida polos críticos e os lectores.

    OS VOLUMES

    Con prólogos de especialistas

    Zernova comparou a Rosalía co recoñecemento que se lle ten en Rusia ó poeta Pushkhin, e equiparou os versos da padronesa coa esgazadora Anna Ajmatova.

    Destacou así mesmo que todos os volumes desta enciclopedia están prologados por recoñecidos especialistas. Así, este tomo dedicado a Rosalía conta cun estudo introdutorio de Xesús Alonso Montero. E outros tomos contaron con textos prologados polos profesores Anxo Tarrío, Darío Vi­llanueva e Basilio Losada, entre outros especialistas .

    08 jun 2006 / 01:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito