Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
universidade de santiago

A profesora Victoria Otero Espinar tomou posesión como decana de Matemáticas

A profesora do Departamento de Análise Matemática Victoria Otero Espinar tomou posesión do seu segundo mandato á fronte do decanato da Facultade de Matemáticas nun acto protocolario que presidiu o reitor Juan Casares no Colexio de San Xerome. Neste nova andaina, para a que foi reelixida o pasado mes de maio, a profesora Otero estará acompañada de Josefina Ling Ling e Rosa Crujeiras Casais.

Na actualidade a Facultade de Matemáticas da USC “está considerada pola comunidade matemática nacional e internacional un referente para o intercambio científico e profesional”, sinalou a profesora Otero Espinar facendo unha diagnose do punto de partida desta nova etapa. Como única Facultade de Matemáticas de Galicia, a decana apunta que “temos a responsabilidade de formar aos profesionais atendendo ás necesidades da sociedade” e engadiu que “só se atendemos a esas necesidades, que non demandas, seremos rendibles”.

Victoria Otero reivindicou a oferta actual de titulacións do centro, “necesaria e coa que damos unha adecuada resposta ás necesidades sociais que se nos esixen e que veñen referendadas pola excelente saída profesional dos nosos egresados” á vez que criticou o criterio cuantitativo para a pervivencia dos másteres. E non só. A decana fixo tamén énfase nos altos niveis do persoal investigador do centro, na colaboración intensa dos grupos de investigación co ámbito empresarial... Todo, resultado do esforzo “para que a nosa actividade non vexa minguada a súa calidade como consecuencia do actual contexto”. E neste sentido reclamou a posta en marcha de mecanismos “que funcionen para impedir o colapso e permitan incorporar novo persoal que evite que a actividade docente se deteriore e que garanta un número suficiente de futuros docentes ben formados e con experiencia”.

O prestixio desta facultade no ámbito estatal e mesmo internacional salientouno tamén o reitor no discurso de réplica, lembrando que o centro “está superando os obstáculos dos tempos actuais dun xeito destacado” sendo un referente do “compromiso de apoio ao desenvolvemento industrial e empresarial do noso país”.

Victoria Otero
Licenciada na USC, onde tamén se doutorou, a profesor Otero Espinar completou a súa formación iniciando o seu labor investigador en prestixiosos centros de Estados Unidos e Francia. Ademais é coordinadora do Colexio de Decanos/as e Directores/as de centro da USC, da Xunta de Goberno da Real Sociedade Matemática Española así como do Consello de Goberno e do Consello Científico do Instituto de Matemática da USC.

No eido investigador, é membro do grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non lineares’ e traballa na análise funcional, os sistemas dinámicos e os problemas de contorno en ecuacións diferenciais ordinarias.

A decana participou en máis de vinte proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas e é autora de máis de trinta artigos científicos en revistas incluídas no JCR, nos que colabora, ademais de con investigadores da USC, con especialistas internacionais como Ravi Agarwal, do Florida Institute of Technology; Hyman Bass, da Columbia University; Paul Glendinning, da Universidade de Cambridge ou con Charles Tresser do centro de investigación de IBM.

De esquerda a dereita, Josefina Ling, Juan Casares, Victoria Otero e Rosa Crujeiras (Foto: Santi Alvite)

24 sep 2013 / 20:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito