Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
LINGÜÍSTICA

A propósito de Ribeira

    0 pasado día 4 de marzo este periódico informou ós seus lectores de que o concello de Ribeira por fin, despois de máis de tres décadas, acatou o informe da RAG que indica que o topónimo ‘Ribeira’ procede de ‘Riparia’. Polo tanto, a súa correcta ortografía é con <b>, non con <v>.
    Eu non o vexo tan claro. Se o termo ‘ribeira’, sexa como nome propio de lugar (topónimo) sexa como nome común, procede de *riparia, en boa lóxica o topónimo ‘Ribeiro’ terá que proceder de *ripariu, pois é un paralelo manifesto.

    ‘Ribeiro’, na lingua galega moderna, só existe como topónimo. O de maior sona é o referido á comarca ourensá extremeira co río Miño. Según o Nomenclátor hai uns vinte máis referidos a entidades de poboación. E tamén se atopa algún que outro hidrónimo residuo de épocas antigas: un ‘Ribeiro’ ó norte da provincia de Lugo, e un ‘Ribeiriño’ mesmo ó pé da cidade de Ourense. Sen embargo, como nome común non existe na nosa lingua. Pero sí na portuguesa, especialmente no Portugal do norte. Nesta lingua denota unha corrente de auga, un ‘río’ ou ‘regato’, non a franxa de terras situadas ás dúas beiras dun río. A lingua portuguesa, pois, mantén na actualidade o duplete formal de ‘rio’ e ‘ribeiro’ para significados similares. O galego, non. As dúas formas proceden do latín rivus, que na forma directa dá ‘río’ e na derivada ‘riveiro’, co uve da tradición latina.
    A existencia deste tipo de dupletes é un fenómeno abundante tanto en galego coma en portugués, quizáis, sen dúbida, para matizar algunha diferencia significativa. Hai exemplos sobrados coma ’pino’ / ’piñeiro’, ‘louro’ (port.) / ‘loureiro, ‘castaño’ / ‘casta(i)ñeiro’, ‘rego’ / ‘regueiro’, ‘linde’ / ‘lindeiro’, ‘aciña’ / ‘aciñeira’, ‘acivro’ / ‘acivreiro’, etc.; polo que cabe supor que nalgún momento primitivo da historia da lingua galego-portuguesa existíu tamén o duplete de ‘ri(v)o’ / ‘ri(v)eiro’ (en italiano mantense a forma plena ‘rivo’; en galego tamén hai ‘Rieiro’, xa como topónimo), de xeito que as dúas formas tiñan o significado que aínda hoxe se conserva en portugués e nalgúns hidrónimos galegos: unha ‘corrente de auga’, un ‘río’, un ‘regato’.

    Unha proba evidente de que este era o significado de ‘riveiro’, é a de que o diminutivo ‘Ribeiriño’ estanos a falar dun ‘Ribeiro’ grande, é decir, o río Miño no que aquel vai desembocar ós poucos metros.
    Co paso do tempo o duplete desfaise, pasando a forma ‘riveiro’ a converterse en topónimo co significado concreto de ‘terras a beira do río Miño’, seguindo tal vez a deriva de ‘riveira’; ou en topónimo referido a ‘entidade de poboación’ situada á beira dun río. Resisten o paso do tempo os poucos hidrónimos existentes.
    Pasemos agora á forma ‘Ribeira’. O informe da RAG arriba citado limítase a mencionar o número de ocurrencias que hai na documentación histórica sobre as formas ‘Ribeira’ / ‘Riveira’. Un criterio meramente estatístico. En absoluto se explica cál é a orixe etimolóxica do topónimo, para poder así fundamentar a súa xenuina ortografía. Acéptase, sen aportar ningún argumento, que a forma *Riparia é a «única etimoloxía posible». Aí queda iso.
    A recollida nos nomenclátores constitúe o gran argumento aducido polo informe. Sen máis, dáselle valor probatorio á forma escrita con <b> simplemente por ser maioritoria no conxunto dos nomenclátores ó longo do tempo.

    En canto ós documentos medievais que mencionan este topónimo, só se aducen dous no informe. Son tan antigos coma que un é do século XIV e outro do XV. Os dous escriben o topónimo en cuestión con <b>. A partires do XVII, «o nome do topónimo escríbese xa regularmente con <v>». Pero isto achácaselle á «influencia do castelán»; porque esta lingua dende o século XV diferencia unha voz ‘rivera’ como «arroyo, pequeño caudal de agua», distinta de ‘ribera’ como «margen y orilla del mar o río». E resulta que a que influiu na ortografía do topónimo galego que significa «margen y orilla del mar o río» foi a escrita con <v>, que significa o contrario «arroyo, pequeño caudal de agua». Se as dúas formas gráficas significaran o mesmo, entenderíase a influencia dunha sobre a outra, porque o referente non cambiaría co cambio gráfico.
    Como se ve, o argumento aducido polo informe padece dunha grave confusión. Aínda hai máis. ‘Rivera’ tamén é, segundo o diccionario da RAE, «el cauce por donde corre un arroyo», que por extensión pode aplicarse tamén a «las tierras que encauzan un río o arroyo». Polo que se ve, incluso no moderno castelán hai pouca diferencia semántica entre ‘rivera’ e ‘ribera’. Máis abaixo veremos que se trata da mesma palabra.

    É certo que na Idade Media había unha gran confusión entre as grafías <b >/ <v>, a pesares –digo eu– de que representaban sons distintos. O que non ten sentido é afirmar que ó confluiren as dúas nun único son (s. XVI) se «facilitase claramente o incremento das formas gráficas Riveira». ¿E por qué non as formas Ribeira? Pero o problema non é o de se a tradicón máis longa é con <v> ou con <b>. O criterio da tradición en sí pode ser lexítimo, inda que sexa antietimolóxico, como pasou no castelán con palabras coma abogado, boda, e outras máis. Pero se é así, ¿a qué vén invocar o étimo *Riparia? En todo caso, é verdade que o castelán influíu a favor de ‘Riveira’, pero só no tocante ó número de ocurrencias, co que o problema de base segue en pé: ¿Cál é a lexítima etimoloxia?
    Na documentación da Alta Idade Media –falemos das crónicas que van do século IX ó XII (Albeldense, Sampiro, Iriense, Compostelana)– non aparece nunca a voz romanceada ‘riveira’ / ‘ribeira’. Por suposto, tampouco a voz latina reconstruída como hipotética *riparia. Para referirse ás terras lindeiras cun río, utilízase indefectiblemente a voz ripa, -ae. E para referise ás terras lindeiras co mar, a voz que se emprega sempre é litus, -oris; podería usarse alternativamente ora- ae (cf. Avieno: Ora maritima), pero non importa, porque ningunha das dúas afecta ó asunto que nos ocupa.

    A voz ripa utilízase sempre como núcleo dun sintagma, cuxo adxacente na maioría das veces vai en xenitivo, pois trátase de textos latinos que teñen pretensións cultas (RIPA fluminis Minei, RIPA Uliae, RIPA fluvii Issi, RIPA Pisorgi, RIPA Tamarae. RIPA Silis, RIPA Dorii, RIPA Turmi, etc.); pero nalguhas outras é xa un complemento en forma claramente romance precedido da preposición de (Ripa de Sar, Ripa de Sili, etc.).
    Unha soa vez, en Sampiro, aparece esta voz sen complemento algún (RIPAS), nunha enumeración de varios topónimos. Trátase xa dun verdadeiro topónimo, pois é un substantivo referido ó nome dun lugar concreto. Este tipo de construcción romance constátase repetidas veces nos textos latinos altomedievais (Vallem de Nora, Sancta Maria de Corvelli, Portella de Banati, Ecclesias de Bartosa, Eclesia Sanctae Crucis de Soto, Sisnando de Liebana, Monasterium de Pinario, Portellam de Arenas, …), o que demostra, xunto coas numerosas latinizacións de voces romances, que no século IX o galego estaba xa básicamente formado.
    Lingüísticamente non tén sentido recrear como hipotética unha forma do latín vulgar coma *riparia. Pero é que xeográficamente tampouco.
    Dende o punto de vista lingüístico carece de sentido, porque tanto no uso culto coma no vulgar estaba totalmente viva a forma ripa, da que se quere derivar aquela. O uso culto de ripa quedou sobradamente constatado arriba. O uso vulgar está testemuñado na abundantísima toponimia: Ribadavia, Ribadeo, Ribadumia, Ribadulla, Ribadiso, Ribadeneira, Ribadesella etc., etc. A forma orixinaria, ademáis, abarca exactamente a mesma extensión semántica que se lle quere atribuir a *riparia (‘franxa de terra ás beiras dun río’) ¿Qué necesidade ten a lingua de inventarse un *riparia?
    Dende o punto de vista xeográfico tamén carece de sentido. Se *riparia é un derivado vulgar de ripa ¿ónde está o río? E se non hai río, tampouco pode haber ripa ou *riparia. As augas que bañan a vila de Ribeira, ¿son as do mar ou acaso as dunha ría?

    Aquí cómpre preguntarse qué é unha ‘ría’ no sentir popular. ¿Non será algo así coma a xuntanza de varios ríos? Vou recoller un breve testemuño do Chronicon Iriense, no que se pretende ofrecer ó lector a orixe do topónimo ‘Iria’. Dá tres solucións, e unha delas dí así: Qui voluerit dicere BisRIAM, dicat propter duo flumina Sare et Ulliam.
    Ora ben, se non se pode partir dun *riparia, ¿cál pode ser a forma latina vulgar que está na orixe do topónimo que nos ocupa, e en xeral de tódalas riveiras? Hai formas ampliamente documentadas que derivan de rivus (‘corrente de auga’) coma o adverbio rivatim (‘de río en río’), o adxectivo rivalis (‘rival’, ‘usuario do mesmo regato ou río’). ¿Por qué non supoñer o correspondente substantivo *RIVARIA? Igual ca cesto / cesta, carballo / carballa, etc., sería a forma femenina de *RIVARIU, ambas co significado de ‘corrente de auga’, non o de terras. Desta forma masculina xurdiu ‘Riveiro’, forma derivada de ‘rí(v)o’. E da forma femenina *Rivaria xurdiu Riveira. Sería a forma derivada dun rivus en femenino, unha *ri(v)a, como xuntanza de ríos. Formas femeninas na Romania co significado de ‘corrente de auga’ aínda permanecen hoxe nos seus territorios, coma rivera en castelán, rivière en francés e riera en catalán.

    A forma ripa desapareceu como nome común, subsistindo só en formas estereotipadas, como afirma Corominas: «desde buen principio, el vocablo tiende a quedar estereotipado en locuciones inseparables o en la toponimia. Más tarde desaparece del uso y sólo quedan los derivados». Isto último non é exacto, debería dicir «los derivados de rivus», que en galego son ‘Riveiro’ e ‘Riveira’. Esta última co paso do tempo terminou ocupando o espazo semántico de ripa, e incluso de litus e ora. Respecto da pervivencia de ‘Riveiro’, quedou exposto arriba.
    Topónimos procedentes de ripa hainos, pero poucos. Véxase: ‘Ribas’, ‘Arribas’, ‘Ribas de Sil’, ‘Arribas del Duero’, etc., que deben escribirse con < b>. Nótese o plural, denotativo de ‘terras’.
    Conclusión: ¡RIVEIRA debe escribirse con UVE¡

    25 abr 2020 / 22:46
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito