Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 30 septiembre 2022
02:54
h
{ enlazarte }

Protagonismo da violencia

    IMAXINADE un periódico de noticias boas, un medio que se centre nas cousas positivas que hai na sociedade, que as mostre e que as celebre. Ao igual que as emocións son contaxiosas (se eu choro, ti choras; se eu río, ti ris) a negatividade tamén o é... Hai tanta beleza no mundo que unha se pregunta ás veces por que a violencia ocupa un lugar tan importante nos nosos medios e no noso xeito de entreternos. Violencia verbal, violencia física, violencia psicolóxica: parémonos a pensar nas series con máis éxito hoxe en día, a violencia é unha parte incríblemente importante da historia que contan, e as artes visuais que se empregan fan que todo sexa gráfico e real, e doloroso.
    Parémonos a ler ou ver as noticias, e vemos ou lemos como os medios se recrean nos detalles máis escabrosos dos casos máis violentos, en moitos casos móstrannos imaxes que moitos de nós non queremos ver. Hai violencia incluso nos programas de prensa rosa, ou amarilla: violencia verbal, constante falta de respecto. Hai violencia incluso nos debates dos informativos, no Congreso... en todas partes alguén insulta a alguén. E iso é tan contaxioso como as emocións positivas. Se eu río, ti ris, se eu insulto, o máis probable é que acabes insultando ti tamén...
    A industria do entretemento foi capaz de sacar os corpos nus do horario infantil, de sacar o sexo das series e películas para todos os públicos. A industria americana foi incluso máis aló, e sacou o tabaco das vidas dos protagonistas; só os personaxes malos fuman, o fumar foi completamente vetado da vida pública. Pero a violencia ten, cada vez máis, un protagonismo insólito: dende os videoxogos até as series máis populares, para todos os públicos, conteñen unha cantidade de violencia máis alta da que eu podo aturar.
    E é que xa non é unha opción. O cine e a literatura son dous xeitos de tentar ter unha vida paralela, de sentir emocións que forman parte da vida dos outros e de cuestionar cousas que unha mesma non se cuestionaría se non se puxese na súa pel. E eu, ás veces, son incapaz de ver unha película ou unha serie completa, por moi amable que sexa a historia, a recreación das escenas violentas é tal que paso a meirande parte do tempo tapando os ollos e os oídos (o son é tanto ou máis agresivo que a imaxe).
    Series de Marvel como Luke Cage, ou de HBO como Westworld fan da violencia e do peor da condición humana o centro da historia. Da moito que pensar, pois son bos produtos, para case todos os públicos. E esta columna non é unha crítica a este xénero, é simplemente unha chamada de atención ao feito de que para as novas xeracións a violencia está completamente normalizada. É completamente normal ler novas de pelexas en colexios e parques, e non somos conscientes de que canta máis violencia haxa nos nosos medios públicos e no noso xeito de entreternos, máis normal é para a sociedade aceptar que a violencia é parte da nosa existencia, esquecendo así que a beleza, o amor e a positividade tamén cambian o mundo. Pode ser que sexa algo inxenua con esta columna de hoxe, pero a idea de “facer ben para sentirse ben” debería ter tanto ou máis protagonismo que o mal nos medios...
    Hai tantas cousas boas no noso mundo e tan pouco espazo para
    contalas...
    Gaiteira e pianista

    30 oct 2016 / 20:17
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito