Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Vicesecretario da Mesa do Parlamento. Ex líder do BNG

Quintana: “A verdade, síntome moi ilusionado para traballar ó servizo de Galicia e do BNG”

“O PP ten unha carencia total de proxecto para Galicia que está intentando tapar a base de prolongar a campaña”

No modesto despacho do Parlamento de Galicia, onde é vicesecretario da Mesa, Anxo Quintana (Allariz, 1959) móstrase disposto a volver con forza a escena política tras o revés electoral que o apartou da vicepresidencia da Xunta nas eleccións autonómicas do 1 de marzo pasado e da enfermidade que o obrigou a un parón na súa actividade pública. Áxil de reflexos e coa saúde en melloría, está aberto a asumir novas tareas que o BNG lle poida encomendar, aínda que precisa que é un "ex" que non quere estorbar. Polo de agora apadriña a corrente interna que lidera o portavoz parlamentario, Carlos Aymerich, e presidirá unha nova factoría de ideas galeguista e apartidaria, o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos.

_ ¿Recuperado, señor Quintana?

_ A miña saúde vai moito mellor e irá moito mellor no futuro, estou completamente seguro. En calquera caso, xa non me imposibilita para o traballo. Ademáis, politicamente, nunca estiven inhabilitado. Foi un período necesario de impase e volvo estar na actividade política só que noutras responsabilidades e con outras obrigas.

_ Agora que xa hai perspectiva temporal. ¿Como foi de duro o golpe da derrota electoral, por inesperado?

_ As derrotas sempre son amargas. Pero, non deixa de ser un resultado electoral que hai que acatar democráticamente con toda a normalidade. A min quédame o degusto de non poder culminar un labor que estaba sendo moi positivo para Galicia e moi positivo para o nacionalismo. De tódo os xeitos, destas situacións tamén se aprende e todo o que non te mata faite máis forte.

_ Dicían nunha época os críticos de Felipe González que acabara con 100 anos de honradez do PSOE. Pero González gobernou España 16 anos, moitos con maiorías absolutas. ¿Como queda de tocado o patrimonio histórico do nacionalismo despois de só tres anos e medio de cogoberno do Bloque na Xunta?

_ Depois de tres anos e medio o capital político do nacionalismo queda multiplicado por cen. Fomos capaces no goberno de pórlle valor a ese capital político e, sobre todo, de trasladarllo o conxunto da cidadanía galega. Fomos capaces a través da nosa acción de Goberno, con escasas competencias e un raquítico financiamento, de pór en marcha medidas transformadoras que demostraron que o noso proxecto político non era unha utopía irrealizable, senón que lles daba solucións reais ós problemas.

_ Pero, despois nas urnas non houbo reflexo.

_ Desde a Xunta conseguimos chegar a sectores sociais ata ese momento vetados para o nacionalismo. Non fomos capaces de que iso tivera o reflexo electoral necesario, pero iso débese a algunhos erros políticos nosos e tamén a acertos dos nosos adversarios, aínda que ises acertos foran executados con algúns mañas pouco recomendables.

_ ¿Como ve o socialista Emilio Pérez Touriño despois de compartir con el anos de goberno e momentos duros de derrota?

_ A verdade é que nin ben nin mal, porque non o vexo. Teño moi pouco contacto persoal con el. Nas poucas veces en que falamos vino animado e disposto a iniciar unha nova etapa persoal no seu caso, paréceme, que apartado da primeira liña política.

_ A duas semanas dos cen días de goberno do popular Alberto Núñez Feijóo na Xunta ¿que balance fai?

_ Non vexo goberno ningún. Esa é a frase que mellor o pode definir. Alberto Núñez Feijóo prescindiu de facer un Goberno e prescinde de gobernar. A súa intención é que a Xunta se asemelle máis ó goberno dunha deputación que o dun país. Creo que recuperou para ó Goberno galego esa imaxe de pedichón en Madrid en vez da imaxen dun Goberno que trate de igual a igual o Executivo do Estado.

_ Máis alá...

_ Creo que ten unha carencia total de proxecto para Galicia que está intentando tapar a poder de prolongar indefinidamente a campaña electoral, chegando nalgúns casos a facer o ridículo político como sucede coa poxa dos coches que el mesmo comprou cando formou parte do Goberno na época de Fraga. Ese xeito de non gobernar serve para despistar durante unhas semanas ou uns poucos meses. Pero, dende logo, non serve para xustificar unha lexislatura.

_ ¿Como valora o novo e marcado sesgo ideolóxico na sanidade, educación, medio ambiente?

_ Nós, desde o bipartito, cometemos o erro político de non saber interpretar a realidade do país e non darlle á crise a dimensión real que ten para o cambio na apreciación dos electores. Alberto Núñez Feijóo, agora, está cometendo o erro de interpretar equivocadamente o resultado electoral, pensando que a maioría dos cidadáns galegos lle deron o seu apoio a un programa de extrema dereita que el pode agora executar sen complexos.

_ ¿Ve vostede descontentos xa?

_ Creo que a maioría da cidadanía non comparte ese programa, incluídos miles e miles de votantes do PPdeG. Feijóo debería de recapacitar e decatarse de que o rexeitamento social maioritario que están provocando algunhas medidas, como as que emprendeu en contra do galego, non son por casualidade. Dende logo, ese descontento irá a maiores porque tampouco ninguén pode entender que Feijóo lle botara hai cinco meses a culpa á Xunta da crise económica e agora diga que todas as reclamacións hai que dirixilas a Madrid. Ou antes mentía ou agora é un irresponsable.

_ En clave persoal e da dinámica interna do BNG, parece que vostede volve con forza. O sábado estará no acto en Santiago no que se presenta unha corriente artellada en torno a Máis BNG ¿Que papel xogará?

_ Ningún especial e todos aqueles que o BNG no seu conxunto e especialmente a dirección elixida na asemblea queiran que cumpla. Síntome próximo as teses de Máis BNG. Convidaronme a facer unha intervención nesa reunión e fareina, como sempre, de acordo coas miñas ideas e dirixíndome ó conxunto do BNG. Porque, independientemente das miñas ideas teño a plena convicción de que as solucións de futuro para o BNG deben de ser dialogadas e redactadas entre todos. Ninguén ten a variña máxica do futuro do nacionalismo e entre todos temos que atopala.

_ Non é precisamente a situación de unidade a que vive o BNG, onde hai polo menos dúas partes fortes e outras pequenas nos aledaños ¿E posible unha ponte ou ten que aniquilar unha parte a outra?

_ Eu non o vexo así. No BNG vexo unha pluralidade que unha vez máis quedou plasmada na asemblea cunha dirección na que participan as dúas partes maioritarias con un portavoz o que hai que darlle tempo para que execute o seu traballo. Eu, dende logo, así o vou a facer. É o meu portavoz porque foi democraticamente elixido.

_ O BNG tamén debe solucionar unha cuestión non pequena que é a elección do candidato á Xunta. Un aspecto do que se fala xa dentro e desde ópticas diferentes.

_ Quedan catro anos para as autonómicas e moitísimo tempo para pensalo entre todos. Tomaremos a decisión cando corresponda. Non ten ningún sentido abrir agora ese debate interno.

_ Se o sábado está na presentación da corrente creada ao abrigo de Máis BNG, mañá, estará na Coruña para relanzar o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómico. É, unha volta con ánimo.

_ A verdade é que estou tremendamente ilusionado para cumprir un traballo ó servizo de Galicia e do BNG. Pódese servir o país desde moi diferentes ámbitos e un deles quero que sexa o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos, que é apartidario, e que dende unha perspectiva plural pero en clave galega, quere ofrecer solucións ós problemas actuais do país.

_ Que vai ser exactamente o instituto que vai presidir.

_ Vai ser unha auténtica factoría de ideas que vai poder traballar sen a inmediatez da conxuntura a que todas as forzas políticas están sometidas no seu día a día.

_ ¿Significa o instituto unha volta ó primeiro plano da actividade política por outro camiño?

_ Eu, loxicamente, ademais diso vou exercer o meu labor dentro da Mesa do Parlamento de Galicia e tamén como membro do consello nacional do BNG. É, como sempre, estou a disposición do Bloque para o que se considere oportuno. Pero, desde logo, o que non quero ser e un ex que dea problemas. Quero ser un militante do BNG disposto a axudar a organización no papel que considere que podo ser útil.

_ ¿Como vai organizar o instituto?

_ Vai ter unha directiva plural, como se poderá comprobar na súa presentación. Quero que ese instituto sirva para mostrar desde o espacio galeguista, que é plural, fórmulas novidosas e modernas para problemas antigos da sociedade galega. Existe un inmenso capital humano en Galicia que hai que por o servizo do país. Estou tremendamente satisfeito de comprobar a ilusión e a xenerosidade con que moita xente ten respondido o meu chamamento para colaborar na idea.

_ ¿Centrará entón o seu protagonismo político de agora en diante no instituto e quedara nun segundo plano no BNG?

_ É evidente que estou nun segundo plano na organización, aínda que estou a disposición do BNG para encargarme dos traballos que considere oportunos. Pero, tamén verei con toda normalidade, e acatareino, se o BNG considera que non debo de cumprir outra función máis que a de ser un membro máis do consello nacional.

xleiro@elcorreogallego.es

15 jul 2009 / 21:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito