Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A RAG recolle as cartas de Fernández Morales nun libro

Trátase da correspondencia que lle enviou ao catalán Mariano Cubí, quen o animou a escribir en galego

    A Real Academia Galega presentou o pasado sábado no Bierzo a obra que recolle as cartas que Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896) lle escribiu a Mariano Cubí entre os anos 1847 e 1848. Estes documentos teñen un interese especial para a literatura galega porque neles plasmou o poeta os primeiros versos que escribiu en galego, animado precisamente polo filólogo catalán.

    As composicións formarían logo parte dos Ensayos poéticos en dialecto berciano, unha obra pouco coñecida pero de relevancia no Rexurdimento, saída do prelo en 1861, dous anos antes que os Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

    O presidente da academia, Víctor F. Freixanes, e o autor do volume editado pola RAG, o académico correspondente Héctor Silveiro, presentaron Cartas e composiciois autógrafas de Antonio Fernández Morales a Mariano Cubí. Transcrición dun legado inaugural berciano do Rexurdimento no local social do Concello de Corullón. O acto enmarcouse no programa da xornada de entrega do II Premio Morales para a promoción do galego no Bierzo en Sanabria, cos que colabora a institución académcia.

    Héctor Silveiro salienta a dobre importancia das cartas recollidas nesta publicación. “Teñen un carácter inaugural ou primordial, non só en canto a que se encadran entre os primeiros documentos coñecidos do proceso de recuperación da escrita en idioma galego, senón que presentan ademais a singularidade de estar escritos no galego do Bierzo, forma dialectal que non se prodiga nos textos literarios”, expresa no limiar.

    Este legado documental, custodiado no Museo do Bierzo, permaneceu no esquecemento ata que foi divulgado no ano 2017, cadrando co bicentenario do nacemento do autor, efeméride que a RAG celebrou na súa terra natal da man do Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e da Comisión Cultural Martín Sarmiento.

    A lectura dos documentos permite asistir ao “momento preciso” en que Antonio Fernández Morales se pon a escribir na fala do Bierzo. Desde o comezo, as cartas foron acompañadas de composicións en verso que van ser “o xermolo do deseño dunha obra inaugural e imprescindible para entender o que coñecemos como Rexurdimento”, engade.

    02 dic 2019 / 23:19
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito