Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 27 noviembre 2020
01:00
h
{ revista }

Sobre a raia, sobre a linde, sobre a fronteira

Arraianos VIII (Vivir na raia) Director, Aser Álvarez, coord., Suso Díaz e Aser Álvarez, Asociación Arraianos, Alvarellos Editora, 2010, 291 páxs. 10 €

A TRAXECTORIA DA REVISTA, que, neste mes de setembro de 2010 alcanza o número VIII, é extraordinaria. A súa calidade, tamén. Estamos ante unha cuidadísima publicación, como xa demostrou en números anteriores que, para empezar, merecería moita máis atención da que xa ten. Arraianos é unha revista cultural, humana, antropolóxica, xeográfica, etnográfica, sociolóxica, o que se queira. E é unha revista emotiva. Rigorosa, pero emotiva. Busca a empatía co lector desde a primeira páxina, a pesar da diversidade dos artigos que a compoñen, o que a converte nun exemplar riquísimo, cheo de miradas, de celebración dos lugares e as cousas, de paixón polo local e o universal. A revista rezuma xusto iso: paixón pola vida, pola enerxía poderosa que brota da fronteira. Rezuma desexos profundos de conservar o que nos fixo como somos e de evolucionar para seguir sendo, desexos profundos de saltar a ambos os dous lados do mítico espazo da raia, de explicar o contido dese espazo aos que aínda non comprenderon que a maxia sempre acontece no límite. É tempo de celebrar a periferia. Escribino nalgunha outra parte, e escríboo agora. Díxeno para Irlanda, e dígoo para nós. Como en Irlanda. É tempo de celebrar esta nova centralidade rica e construtiva que é a periferia. O interesante está nos límites. O que o futuro nos ofrece está aí, no comezo do océano, na raia que baixa acompañada da enerxía secular do Miño, a raia que une e divide, o espazo mestizo, o lugar de encontro e de separación.

Basta con ler o editorial deste número de Arraianos, fermosamente escrito, para comprender o significado de tan emblemático territorio. Velaquí un fragmento revelador: "Imos na procura de ese taoísmo que nos fai lembrar unha vez máis que é precisamente no límite onde sempre acontece todo o interesante. Porque para nós as fronteiras políticas nunca foron nin serán liñas divisorias trazadas sobre os mapas, senón raias, espazos porosos e permeables, onde non teñen cabida as barreiras artificiais que cada día ignoran as aguias, os garraos e os lobos arraianos. As fronteiras están na terra e nos mapas, pero máis aínda na mente de que as constrúe e asume como propias". O inmenso gozo que supón avanzar polas páxinas desta excelente revista iníciase, como non, con Xosé Luís Méndez Ferrin, e o seu artigo sobre "arraianos, raianos e raiotos". A partir de aí comeza un caudaloso río de sabedoría e emocións que nos leva a lombos dos ríos e os montes, a reserva do Gerés-Xurés, a literatura e a fronteira, as relacións entre Galicia e Portugal, os camiños portugueses, os arraianos de todo tipo e condición, os festivais da raia, ou o camiño xacobeo Miñoto Ribeiro. A revista complétase con varias páxinas dedicadas á creación e á crítica e está ilustrado polo fotógrafo estremeño Antonio Covarsi. Excelente número, excelente publicación.

16 sep 2010 / 05:23
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito