Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 23 mayo 2024
20:39
h
Psiquiatra da unidade de saúde mental de Conxo

Ramón Muntxaraz: “A nosa sociedade actual propicia a aparición dos trastornos psíquicos”

As enfermidades mentais nun 90% dos casos son derivadas das condicións de vida ·· O ambiente socio-familiar é determinante na aparición destas doenzas

_    ¿Como foi evolucionando a forma de tratar os enfermos mentais?
_    Hai bastantes anos, a neuroloxía estaba mesturada coa psiquiatría. Non existía ningunha diferenciación. Nos anos oitenta, co goberno de Adolfo Suárez, intentáronse levar a cabo unha serie de reformas no ámbito da psiquiatría, pero non puideron consolidarse debido á inexistencia dunha consistencia política. A partir de 1983, tras chegar ó poder o PSOE, impulsouse unha comisión ministerial para a reforma psiquiátrica. Esta comisión analizou a situación que existía daquela, e no ano 85 publicouse o informe para a reforma psiquiátrica, co fin de intentar mellorar as condicións dos enfermos. En abril do 86 promúlgase a Lei Xeral da Sanidade, onde xa se incluían as principais recomendacións que había que cumprir para intentar integrar a atención dos problemas de saúde mental dentro do sistema sanitario.

- Na actualidade, ¿Como se trata os enfermos?¿Seguen existindo os manicomios?
- Na actualidade están funcionando catro manicomios en Galicia: o de Rebullón en Vigo, o de Toén en Ourense, o de San Rafael de Castro de Ribeira de Lea en Lugo e o de Conxo en Santiago de Compostela. O sistema de funcionamento é moi precario e degradante. Encóntranse en moi malas condicións e seguen ofrecendo a mesma imaxe social de marxinalidade, incumprindo. polo tanto un dos principios que se formulaban na lei de Sanidade do 86, na que se esixía que as hospitalizacións deberían levarse a cabo nas unidades de psiquiatría dos hospitais xerais, así como que se debería ofrecer unha consideración especial ás problemáticas específicas.

- Desde o seu punto de vista ¿Cal cre que é a causa de que existan tantos enfermos mentais?
- Opino que o modelo de sociedade actual propicia a aparición de trastornos psíquicos, promovendo  unha serie de actitudes de tipo competitivo e consumista, onde os valores da persoa, as tradicións e incluso a cultura e o idioma propios da comunidade son relegadas a un segundo plano.

- Entón, segundo vostede ¿Deberiamos empezar por mellorar a sociedade actual para intentar reducir os problemas de saúde mental?
- Desde logo. O fallo principal está na forma en que está formulada a sociedade actual, na forma de vivir que teñen as persoas. Máis dun noventa por cento dos casos son derivados das condicións de vida das persoas. O ambiente socio-familiar é determinante na aparición destas doenzas. A deteriorización da comunicación interpersoal é decisiva para que o psiquiatra sexa, moitas veces, o único medio que posúen estes enfermos para aliviar a soidade.

- De todas formas, ¿non cre que é como se estivese “de moda” derivar todos os problemas á consulta de psiquiatría?
- Hai anos, todos aqueles problemas causados por situacións de estrés, algo que afecta tanto á sociedade na actualidade, eran solucionados sen necesidade de acudir á consulta do psiquiatra. Actualmente hai unha excesiva medicalización dos trastornos mentais, tratando só os síntomas e non as causas reais que os producen.

16 ago 2007 / 00:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito