Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
os outros días

Reconciliarse coa especie humana

    Escribéuse onte eiquí de que hai que crer no ser humano dun en un, pra non ter que se chamar a engano. É un xeito, acaso o millor, de distinguir ós que crean dos que destruen. A maneira de facer bo o dito de que polos seus feitos os coñeceredes. Por xunto, os feitos tenden solaparse e iso -iso ou a necesidade de manter viva a esperanza- lévanos a esquecer os nomes dos grandes destructores da vida. Por iso hai que poñerlles nomes ós asasinos, a todos. Dende os políticos, ata os ecolóxicos, dende os que o fan en serie, ata os envelenadores ocultos nas supostas paces familiares. E caras, tamén hai que poñerles caras, pra poder mirarlles pra elas. Hai que desvelalos, sen deixar ningún, séxano polos motivos que o sexan, relixiosos ou económicos, tanto como por mero pracer. Ós asasinados non lles importan os motivos polos que foron empuxados fóra da vida. Nunca existen tales motivos. Ou nunca deberan existir.

    Por iso tamén convén poñer nomes ós que a defenden, ós que crean vida. E cara. Convén poñerlles cara. Necesitamos poder contemplarnos nelas, nas súas olladas inquisitivas e serenas, ilustrarnos nos seus exemplos, habitar nos seus territorios de esperanza.

    Esoutro día de aí atrás fun ver o Bosque de Ridimoas, alá en Beade, nas terras fermosas do Ribeiro, as que van de Leiro a Ribadavia e agora abranguen outras que xa baña o Miño. Fun alá e coñecín a Pablo Oitabén, o rei dol bosque, que frega as mans e atrae ós raposos, que fala e acalma cabalos broncos e sabe cál é a folla que lle bateu no rostro se a noite é escura e só o tacto nos pode dicir comunicar co medio.

    Conviña que souberamos, ben sabido, como Pablo Oitabén, coa xente da Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas, ven recuperando o bosque dende hai trinta anos. Convén visitar aquelo. Mesmo sería necesario que non pouos políticos foran visitar o bosque na compaña de Pablo Oitabén e tan só observaran, durante as horas ou os días que lles fixeran falla, o comportamento de home tan principal e necesario co medio que tanto axudou a recuperar. Contemplar a relación de Pablo co seu medio reconcilia coa vida e coa especie humana, devolve a fe no home. Máis nestes días altos de finais da primavera, vísperas xa do vrao, cando o estourido da natureza e pleno, rotundo e afirmativo. A vida está aí, latente, na agarda de que saibamos empuxala co mesmo fervor que puxemos en detela. Agora con fervor conscente e contrario ó da inconsciencia coa que tantas veces a detemos.

    ac@alfredoconde.com

    20 jun 2007 / 01:49
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito