Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
tribuna libre

Rodolfo López-Veiga, dez anos esquecido

    López-Veiga Ponte, Rodolfo. Naceu en La Habana en 1923 e cando contaba coa idade de seis anos ven cos seus pais, que regresan a Santiago de Compostela, onde toma contacto co mundo do teatro: fai parte do cuadro artístico de La Salle e colabora en Radio Galicia como actor de teatro radiofónico.

    Estudando direito incorpórase ao Teatro Universitario T.E.U., primeiro como actor e despois como director durante nove anos, ao longo dos cais dá a coñecer importantes obras do teatro universal. A estrea, en 1958, dunha versión en galego de Antígona, de Anhouil, que obtén un resoante éxito de público e crítica, anímalle a adicarse en diante ao teatro galego.

    En 1960 crea o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, que será durante máis de dez anos a única agrupación que fai teatro exclusivamente en galego. A estrea, perante sete mil persoas que enchían a praza da Quintana, de Os vellos non deben de namorarse de Castelao (sinalado no seu momento como un acto de clara reivindicación galeguista), séguenlle a representación doutras moitas obras.

    En 1970 crea o grupo de teatro Rosalía de Castro. En 1979 encárgase da dirección do Seminario de Teatro das Aulas da Terceira Idade, do Ministerio de Cultura. É autor das obras "Canto para un poeta malencónico, sobre textos de Rosalía, e de "Un home chamado Castelao", que el mesmo monta e dirixe en 1980.Tradutor ao galego de obras de Alejandro Casona, Valle Inclán e do irlandés Signe.

    Pertenceu ao Instituto Internacional de Teatro da Unesco. Foi secretario do Padroado Rosalía de Castro, presidente de Cantigas e Agarimos e da Unión Protectora de Artesáns, e conselleiro da Caixa de Aforros de Galicia en representación das entidades culturais.

    Até aquí un resumo do que la "Enciclopedia gallega" di de Rodolfo, meu pai, un home adicado máis a loita pola cultura galega en "tempos difíciles", que a súa verdadeira profesión, o comercio.

    Perseguidas e censuradas algunhas das súas obras, implicado sempre en recuperar para Galiza, naqueles anos, figuras como Castelao ou Rosalía e , sobre todo, a nosa cultura, xa fose desde a literatura, o seu folclore ou, nomeadamente, o seu teatro.

    Este mes cúmprense dez anos do seu pasamento, dez anos inxustamente esquecido por esa cultura galega. Quizais porque pasou por ella sen presuncións, como sen sair da "tramoia", movendo os fíos desde a sombra.

    El era así, se alardes, sen erguer a voz. Sen vaidades, como pasando cun camiñar silandeiro pola súa cultura e a súa lingua.

    Marcado polas persecucións que desde neno viu sofrer ao seus pai, que entre xuizos e cadeas contemplou como lle consumían os derradeiros anos dunha vida tortuosa no seu final (1951) como consecuencia das súas ideas políticas.

    Penso que desde "alá arriba" sentiríase feliz de que estes anos transcorresen dese xeito, sen rebumbios, sen que te fixesen notar. Porque sempre foches así, "un galopador contra o vento", maís sen erguer pó... como para non molestar.

    07 mar 2009 / 23:05
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito