Rodríguez Santamaría: Transparencia e legalidade son os meus piares para o urbanismo
O novo mandatario sonense considera que todos os veciños deben colaborar procurando axustarse ás licenzas ·· Apunta que o pacto co BNG será positivo para a localidade e permitirá solucionar moitos problemas pendentes
_ Tras todo o que caeu ¿cre que a moción de censura valeu a pena?
_ Rotundamente si. Por varias razóns: reflicte a maioría progresista que o pobo ten; dota o concello dunha maioría estable no que resta de lexislatura e vai facilitar que se solucione a parálise absoluta na que estabamos.
_ ¿Teme que a moción poida pasarlle factura nas elecións municipais de 2011?
_ Eu espero que os electores valoren o traballo, o diálogo con eles e o desexo de solucionar problemas. Esta é unha maioría democrática, non un goberno obtido por compra de tránsfugas como o fixo o PP nalgúns municipios galegos nos últimos tempos. Eu son un demócrata que aceptarei sempre os resultados electorais, non como outros que non son capaces a pasar pola oposición.
_ Moitas miradas puxéronse no portavoz socialista, Ramón Quintáns, ó considerar que pode influír moito nas decisións do novo goberno ¿que papel ocupará?
_ Quintáns foi moi duramente atacado porque moitos vían que só así podían mellorar politicamente. Ningún tribunal o imputou nin o condenou por nin-
gunha cuestión urbanística, diga o que diga a oposición. Ninguén está exento de erros, pero hai que recoñecer que fixo moitas obras importantes no Son. Agora ten novas responsabilidades, e eu confío en que a Concellería de Cultura e Festexos sexa levada co traballo e a competencia que o caracterizan.
_ ¿Como valora o papel que tivo o BNG para favorecer o pacto?
_ Positivamente, xa que por fin o goberno amosa a maioría social que hai na vila. Con este acordo hai unha maioría estable que pode solucionar moitos problemas pendentes. Esta maioría representa o cincuenta por cento dos veciños fronte ao trinta e tres por cento que votou polo PP, polo tanto ten un maior apoio social e maior lexitimidade.
_ O do desgoberno do anterior alcalde do PP ¿era certo ou foi unha escusa para presentar a moción?
_ Era un abandono total. Nunca foron capaces de aprobar uns presupostos, pola súa falta de diálogo coa oposición. O PXOM estaba abandonado, todo o que se dicía non era máis ca propaganda, a maioría dos proxectos estaban paralizados ou eran inexistentes, só declaracións de prensa para enganar aos veciños. Noutros asuntos prefiro aínda non opinar ata ter un coñecemento máis completo da situación.
_ Vostede asumiu a delegación de Urbanismo, ¿que cambios van percibir os veciños en relación coas xestións anteriores?
_ Debo precisar que aínda que levarei a xestión de Urbanismo, a decisión última é da comisión de goberno, onde hai catro concelleiros e o alcalde. Procuraremos a maior transparencia posible e a oposición non terá dificultades para acceder aos expedientes. Transparencia e legalidade son os piares da miña idea para xestionar o urbanismo. Os veciños deben colaborar procurando axustarse ás licenzas realmente concedidas. Eu agardo esa colaboración da sensatez dos veciños da miña vila.
OUTROS ASUNTOS
Aprobar o PXOM, prioritario
Respecto os veciños que teñen as súas casas expedientadas pola Xunta, Rodríguez sinala que aínda non estudei detidamente este tema, pero en última instancia será a xustiza quen decida, se alguén fixo
unha casa sen ter a licenza para iso. Toda a corporación deberá ver se é posible solucionalo. Eu quero crer que a Xunta será responsable e actuará con criterios de obxectividade e xustiza. Tamén anuncia que o seu goberno comezou os contactos e as xestións para ver en que situación están estes temas nos diferentes organismos, porque no arquivo municipal a información é escasa para xestionar obras como o polígono industrial, a remodelación do bordo litoral, a piscina ou a escola infantil. O anterior goberno tampouco nos informou sobre ningún aspecto pendente, di. Entre as súas primeiras decisións figuran os contactos cos veciños da rúa das Escamas de Portosín para chegar a un acordo que lles guste a todos. Sobre as súas prioridades destaca aprobar o PXOM, atendendo as lexítimas demandas dos veciños e axustándonos á legalidade e uns presupostos realistas axeitados a estes tempos de crise, sen falsas demagoxias de austeridade que logo anteriores gobernos non cumprían. Tamén intentará chegar a un acordo cos veciños de Baroña para axilizar o plan de protección do Castro e buscar unha nova localización ó centro de interpretación.