Rosa María Crujeiras Casais: Precisamos comezar a construír un relato da USC conectada coa sociedade
{ Ribeira, 1978 } Leva arredor dun mes no cargo de vicerreitora de Comunicación da USC, pero o seu cometido non é novo para ela xa que dende hai dous anos era a adxunta. Como principais metas que se marca nesta nova etapa, máis profesionalización e mellor comunicación do que fan e do que son, cara dentro e cara a fóra.


Leva arredor dun mes no seu novo cargo, como foi o salto de adxunta da Vicerreitoría de Comunicación a ser a cabeza visible?
A verdade é que supuxo un cambio de perspectiva importante e todo un reto, que lle agradezo enormemente ao reitor Juan Viaño. Un cambio de perspectiva porque, como adxunta, o meu traballo centrábase nos aspectos relativos aos sistemas de xestión de calidade, seguimento e acreditación de títulos, xestión de datos e indicadores... É tamén un reto polo que supón para unha persoa coa miña formación.
Representa un gran cambio pasar da Estatística á Comunicación e Coordinación dunha universidade como a USC?
Supoño que o mesmo que pode representar para calquera outro membro do colectivo de persoal docente e investigador, que nos formamos en áreas de coñecemento específicas nas que desenvolvemos o noso labor. Penso que non falo só por min se digo que cando asumimos un cargo de xestión descubrimos todo un mundo paralelo que permite que a universidade funcione cada día: que poidamos utilizar as instalacións, acender os ordenadores, solicitar un certificado ou informarnos do que ocorre na casa. Todas e todos imos tirando do carro, pero alguén ten que estar aliñando os eixos.
Substitúe no cargo a un docente de Xornalismo, quizais máis acostumado a tratar cos medios pola súa formación. Deulle algún consello?
Moitos. O máis importante: que confíe na vosa profesionalidade e que sodes vos os que decidides o que lle interesa á sociedade.
Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt