Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sabela Arias abre a mostra 'Conversas' sobre o cotián

Partindo de figuras pictóricas centrais, xéranse lembranzas // Inaugúrase o xoves en Lugo

Sabela Arias, artista plástica colaboradora deste xornal e docente no Instituto Maruxa Mallo de Ordes, inaugura o vindeiro xoves ás 20.00 horas na sala multiusos do Museo Provincial de Lugo, a mostra pictórica Conversas, que a propia creadora define coma "unha serie de obras que falan sobre o día a día".

Deste xeito, e partindo de figuras centrais, as persoas falantes, xurden temas, lembranzas, imaxes que son parte da conversa. "Iso son estes cadros, unha conversa, un pensamento (conversa comigo mesma), unha lembranza... que xiran sobre un tema, un día, un momento. Como o que acontece a diario, que forma parte dun todo. A miña obra ao longo destes anos ronda sobre a importancia dos pequenos acontecementos que describen a vida, sons, olores, din máis de nós, da nosa sociedade, que os grandes fitos da historia" suliña Arias.

E, por outra banda, estes cadros teñen varias lecturas dependendo do espazo que media coa persoa que o observe. "A certa distancia non se percibe máis que a mistura de cores, que se te achegas aparece brillante, chea de vida e de cor. Cando miras a obra de cerca empezas a ver as pezas, que sendo parte dun todo, tamén teñen a súa lectura por si mesmas. Como a vida", aporta sobre unha mostra aberta ata o día 30.

Asemade, dentro desta exposición de conversas aparece o son e o audiovisual, engadindo outros sentidos aparece moito máis mundo. A cor é parte esencial duns traballos que "non evocan ledicia, definen cada elemento por separado e a súa interrelación. Sendo certo que o conxunto é un todo, cada peza non perde o seu significado" remata.

08 abr 2019 / 21:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito