Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
PECHANDO FERIDAS

San Simón a illa da xustiza

Este redondelán de 86 anos, detido “por comunista” a mans franquistas, foi trasladado, en só catro anos, ós cárceres de Vigo, San Simón, Vitoria e Valladolid. Agora acaba de publicar as súas memorias nas que conta a súa historia “para que os netos a coñezan” e pensa que agora, máis que nunca, “hai que loitar contra as inxustizas”, as mesmas contra as que pelexou dende os 16 anos cando foi detido

 

A illa pontevedresa de San Simón ten este ano un significado especial. A Xunta declarou Ano da Memoria este 2006 e situou as principais homenaxes ás vítimas da guerra civil e da represión no contorno da illa. Porén, pouca xente coñece a intensa historia de San Simón, que viviu todo tipo de aventuras, dende ataques dos viquingos, até chegar a ser un centro hospitalario e un cárcere no que estiveron presas máis de 5.000 persoas dende 1936.
Dende que estalou a guerra civil até 1944, San Simón converteuse nunha colonia carceraria. A illa, situada na boca da ría de Vigo, foi testemuña doente dos milleiros de presos aos que trasladaron dende prisións de Vigo, Pontevedra, Arousa así como do resto de España.
Un dos poucos que pode contalo é o redondelán Manuel Barros Montero que, aos seus 86 anos, segue sendo un comunista convencido, que quixo deixar constancia do vivido en San Simón para que os seus netos coñezan o que pasou nun libro de memorias, subtitulado Autobiografía dun militante comunista, cun prólogo do profesor –que tamén sufriu a represión franquista–, Xesús Alonso Montero.
Por iso, a Manuel non lle gusta conceder entrevistas. Porque no libro conta todo o que quere dicir. Malia todo, fala conmigo uns minutos. Agora que xa non queda moito do que foi o cárcere en San Simón, logo dos traballos de restauración impulsados polo arquitecto César Portela, Manuel recoñece que segue sendo “doloroso” lembrar o ocorrido en San Simón porque vivían en “condicións moi duras” ao estar amoreados con piollos, fame, frío e enfermidades.
Durante os anos previos ó estalido da contenda, San Simón fora un lazareto que albergaba a enfermos de cólera para evitar que estas epidemias se estendesen pola Península. Pero o estalido do conflito cambiou os plans de converter San Simón en residencia para nenos orfos ou en aeroporto marítimo.
Os vellos edificios da illa habilitáronse, pola contra, para albergar os reclusos que vivían totalmente amoreados en pavillóns e os servizos administrativos da colonia mentres que o antigo lazareto de San Antonio, a illa conectada con San Simón por unha ponte, pasou a acoller o destacamento militar dos soldados que custodiaban o penal. Durante a guerra civil, os presos vivían nunhas condicións penosas debido a esta masificación, aos problemas sanitarios e ao clima provocado pola contenda.
Conta Manuel que antes de 1936, era mariñeiro en Redondela. Lembra como foi detido o 22 de decembro de 1936, con só 16 anos. “Estaba xogando ao fútbol e viñeron buscarme para que fose dar declaración no cuartel. Alí estiven uns doce días e despois trasladáronme ó Frontón de Vigo, na rúa Príncipe.” Cando lle pregunto por que o detiveron, Manuel non dubida.

“Detivéronme por comunista”, di. En Vigo pasou dous anos e despois, “como a todos os presos” trasladárono a San Simón o 20 de novembro de 1938 por orde do Gobernador Militar da provincia de Pontevedra.
Sen máis explicacións, Manuel foi procesado na causa número 759, acusado, como a maioría, de Rebelión Militar. O xuíz do Consello de Guerra foi o Comandante de Infantería Francisco Arriaga Seoane.
Manuel chegou a San Simón no peor momento. “Ás veces eramos 600 ou 800 e outras, chegabamos ós 1.000 presos”, asegura. Os que morrían vítimas de fusilamentos e de torturas eran trasladados fóra da illa, a Pontevedra, e alí eran enterrados. Para un mozo redondelán que ingresa na Colonia carceraria con só 18 anos, estar preso foi, se cabe, máis duro do que ninguén pode imaxinar. Alí coñece a outros veciños de Redondela, “que xa non viven” pero cos que mantén amizade xunto con outros presos como Eduardo Pantaleón.
¿Como conseguiu sobrevivir a esta prisión? Quizais porque Manuel estivo en San Simón só un ano e non chegou a ver a complicada situación que se viviu na illa, sobre todo, a partir de 1941.
Este ano, son trasladados todos os presos anciáns do Estado neste espazo que só tiña unha extensión duns catrocentos metros de longo por cento cincuenta de ancho. Entón, duplicouse o número de presos na illa. Arredor de dúas mil persoas malviviron sen case alimentación e nunhas condicións terribles, de xeito que se desatou unha alta taxa de mortalidade entre os presos.
Pero Manuel Barros foi trasladado antes de que ocorrese todo isto a prisións de Vitoria e Valladolid até que foi posto en liberdade en 1940, con apenas 20 anos. Pasados os anos e a dor, Manuel escribiu uns apuntamentos “para que os meus netos souberan que pasara de verdade” e así naceron as Memorias de Manolo Barros. Hai uns meses, o colectivo republicano rendeulle homenaxe e alí contoulles aos 400 asistentes como era a vida no presidio. “San Simón estaba moi desfigurada, xa non era como cando eu estiven alí, pero sentes nostalxia da xente que coñecín e que xa non está”, di Manuel. Parécelle ben que se fagan actos en lembranza do ocorrido. “Isto xa o debeu ter feito o Goberno de Felipe”, asegura. E non se esquece do presente. “Parece que vivimos cunha melancolía que non nos serve. Hai que actuar porque existen situacións nas que parece que imos cara a atrás, perdemos moitas reivindicacións. Non sei que dirían os que morreron.”

San Simón, unha historia cambiante

“Agora procuramos facer moito festival, pero hai que  loitar contra os contratos lixo, e as inxustizas.” Son as palabras que máis repite Manuel Barros. Para este redondelán, o importante, ademais de lembrar os represaliados polo franquismo, é recuperar o espítito dos comunistas que, coma el, en 1936, “loitabamos contra o que estaba mal”. Pola contra, pensa Manuel que hoxe “parece que a xente se acomoda ás inxustizas”.
Asinte ao falar da retirada dos vellos símbolos franquistas. “Hai que retirar os nomes franquistas das rúas e ós monumentos hai que pórlles letreiros que os identifiquen. O que é unha aberración é o asunto das igrexas, nas que aínda hai moitos nomes franquistas.”
Manuel, aos seus 86 anos, é un comunista incombustible que só pensa nun futuro mellor para os seus netos. “Preferiría que mellorase a situación, que a xente tivera educación e que se recuperasen moitos valores que hoxe non existen”, recalca.
O comezo da Guerra Civil en 1936 paralizou os proxectos que se barallaran para converter San Simón en aeroporto marítimo ou residencia para nenos orfos tras o peche do lazareto da illa en 1927.
Pero despois de que o cárcere desaparecese, as illas foron de novo abandonadas até que en 1948, nun novo xiro da historia, os membros da Garda de Franco empezaron a utilizalas como lugar de veraneo.
Porén, dous anos despois, un grupo de membros da Garda que se dirixían a terra nun barco, envorcou e morreron até 43 deles. O suceso provocou a clausura inmediata da colonia como lugar de veraneo. Máis tarde, colocaríase un cruceiro no illote das Cobreiras en homenaxe aos afogados no naufraxio.
Despois, crearíase o Fogar Méndez Núñez para a Formación de Orfos de Mariñeiros, un centro que tivo un breve desenvolvemento entre os anos 1955 e 1963.
O abandono foi total até os oitenta nos que os arquitectos José Bar Boó e César Portela proxectan a súa rehabilitación que non se chegou a realizar. En 1999, as illas son declaradas Ben de Interese Cultural coa categoría de sitio histórico.
Un novo proxecto de César Portela tomou forma a partir de 1998 para a posta en valor do conxunto e foi así como comezou todo o movemento para restaurar e reutilizar a illa no seu conxunto, sen esquecer o pasado.
Rehabilitáronse vellos edificios abandonados que se converteron no que hoxe é a casa dos oficios do mar e escola de vela, a capela de San Simón, a residencia Stella Maris, o centro de talasoterapia, o edificio de cursos e seminarios, os miradoiros do fondo e boca da ria, o centro de interpretación e documentación...
Todos son edificios renovados cos que se dotou ás illas dun novo carácter cultural, e que rematan coas décadas de abandono dun dos conxuntos históricos máis importantes de Galicia.

05 ago 2006 / 19:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito