Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
esta fin de semana

Santiago acolle a proba inaugural do Campionato de España de Enduro de motociclismo

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou a proba inaugural do Campionato de España de Enduro de motociclismo (IV Memorial Eulo Albert), que se disputará nos circuítos habilitados no Monte do Gozo e no Estadio de San Lázaro o sábado 2 e o domingo 3 de marzo. Máis de 200 pilotos participarán nesta competición, que Santiago acolle por primeira vez.

Coa organización do motoclub Móvete na Moto, chega a Compostela unha modalidade de motociclismo que discorre a modo de rally e na que os participantes demostran altas doses de habilidade, destreza e velocidade sobre a moto. Son máis de 30 os pilotos campións do mundo e de España inscritos, entre eles, nomes tan reputados como Iván Cervantes (campión do mundo e de España en varias categorías); Joakim Ljunggren (campión e subcampión do mundo) ou Cristóbal Guerrero (campión do mundo e de España).

Adrián Varela destacou o nivel dos competidores e estimou a asistencia de público nunhas 6.000 persoas. Agradeceu tamén ao Concello de Boqueixón a súa colaboración para os tramos de enlace.

O acto de presentación oficial de todos os pilotos terá lugar o venres 1, ás 20:00 horas, na praza do Obradoiro, despois das correspondentes verificacións administrativas e técnicas da proba. As carreiras desenvolveranse sábado e domingo a partir das 9:00 horas no Estadio de San Lázaro (especial C1 Extrema) e no Monte do Gozo (especiais C2 e C3). Os actos de entrega de trofeos terán lugar no paddock habilitado en San Lázaro (o sábado, sobre las 16:00 h, e o domingo, ás 16:30 h aproximadamente).

Na rolda de presentación da proba tamén estiveron o alcalde de Boqueixón, Jesús Sanjuás; o subdirector xeral de Deportes da Xunta de Galicia, Carlos Gómez; os presidentes das Federacións Española e Galega de Motociclismo, Ángel Viladoms e José Bernárdez; e o presidente do motoclub Móvete na Moto, José Canda. Ao acto tamén asistiron varios dos pilotos campións do mundo e de España que participarán na proba.

27 feb 2013 / 18:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito