Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
terá dúas probas máis en maio e xuño

Santiago acolle este sábado a primeira proba de BTT nocturna que se celebra en Galicia

Un total de 300 corredores medirán a súa habilidade sobre as súas bicicletas de montaña a partir das 20h e nun circuíto pechado que cubrirá unha distancia total de aproximadamente 25,5 km

    Un total de 300 corredores participarán este sábado en Santiago na primeira proba nocturna de BTT (proba de habilidade para bicicleta de montaña) que se celebra en Galicia e coa que arrancará o primeiro Campionato BTT Cidade de Compostela que -organizado por Imaxson Sports en colaboración co Concello de Santiago e o Club Btt Ultreia e co patrocinio de Gadis, Coca Cola, a USC, Armaría Toribio, Oliveira Bike e El Corte Inglés- contará con dúas probas máis: o I Compostela BTT Maratón (10 e 11 de maio) e a II Compostela BTT Ruta+ I Compostrail (1 de xuño).

    Ademais de ser unha proba inédita en Galicia, a BTT Nocturna que abre o campionato este sábado contará co aliciente engadido de estar realizada nunha zona urbana próxima ao centro compostelán e de moi doado acceso ao público. Así, os participantes (divididos en 2 categorías: de 16 a 30 anos e de máis de 30 anos) comezarán a competición ás 20h. no paseo central da Alameda e, tras un pequeno circuíto na zona de Santa Susana, cruzarán o Campus en dirección ao Monte da Condesa, onde realizarán outro mini circuíto para regresar de novo á Alameda.

    En total, serán tres voltas a este percorrido cunha distancia de 25,5 km. (8,5 km. por volta aprox.), nun trazado mixto con rúas, beirarrúas e parques, iluminados parcialmente, cunha iluminación de baixa intensidade. O circuíto -que estará delimitado con fitas como nas probas de ciclocrós- contará tamén con obstáculos artificiais e zonas de saltos (de carácter optativo) e aproveitará a orografía do terreo para probar a pericia dos corredores con pendentes de terra e curtos sectores de escaleira.

    Como aperitivo á BTT Nocturna, celebrarase previamente o primeiro Mini BTT Infantil, proba non competitiva para nenos e nenas de entre 6 e 16 anos que, divididos en tres categorías de idades, demostrarán a súa habilidade sobre a bicicleta de montaña a partir das 17 h. e nun tramo habilitado sobre o percorrido establecido para a BTT Nocturna (zona Alameda-Santa Susana).

    Horarios e espazos
    Mini BTT Infantil(Alameda-santa Susana. Saída: paseo central Alameda)
    15,30 - 16,30h. Acreditacións e entregas de números
    17,00 h. Saída da proba

    I BTT Nocturna
    (Alameda-Sta. Susana-Monte da Condesa. Saída: paseo ctral. Alameda)
    18,00h. Entrega de números
    19,00h.-19,30h. Percorridos de recoñecemento
    20,00h. Saída da proba

    Cortes de tráfico
    Por mor da carreira, a partir das 19.00 horas e ata as 22.30 h pecharanse ao tráfico a avenida da Coruña, a avenida de Santiago e a avenida das Ciencias á altura da avenida de Vigo. Os cortes estarán debidamente sinalizados e atendidos.

    14 mar 2014 / 17:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito