Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{OS OuTROS DÍAS}

O señor de Sargadelos

    MORREU Isaac Díaz Pardo. Como non lle regateei loubanzas en vida, nin me preocupou deixalas por escrito, arriscándome a eito nese complicado exercicio no que consiste o falar ben da xente, moito máis complicado que o de falar mal, algo moi ó acado de todo o que a el se dispoña, vaime costar traballo reproducir agora o que, ó longo de décadas e décadas -non tantas como as que durou a súa vida, moitas pero sempre escasas- escribín en coincidencia co que escribiron moitos outros. Isaac tivo a infrecuente virtude de concitar anuencias a favor da súa persoa e do seu traballo.

    Por iso non vou falar máis del, pero sí que me vou permitir facer un par de preguntas porque sospeito que entre as posibles respostas poidan incluirse algunhas das razóns de este se vir embaixo, desta claudicación vital do señor de Sargadelos. A palabra houbéralle gustado ó Isaac. Claudiar, levar ás claudias, era darlle o paseo á xente durante a Guerra Civil do 36, matala. Claudio significaba coxo en latín, o que coxea, o que se abate, o que cae. Isaac claudicou, se me deixan que o exprese así, nos últimos anos da súa vida o se sentir desposeído de todo canto significara o seu proxecto vital.

    A primeira pregunta que me xurde a min agora é a de se, a xente que o urxiu a que se desprendera dos seus afáns e do resultado deles, houbera tido un pouco de contención e calma o resultado non tería sido o mesmo que o que agora é xa coa ausencia definitiva de Díaz Pardo da salvagarda das súas razóns de vivir. Uns poucos anos máis, cántos?, un par deles? e Isaac tería aforrado unha morea de decepcións e pesares. A lei é a que é e os tantos por cento son os que son, pero tamén o moral é o moral e o xusto é o xusto e sen Isaac nada tería sido o que foi prós que o acompañaron na súa aventura vital por moito que pra eles, certo que con todo o dereito, só o fose o empresarial o que primase.

    A segunda pregunta que o seu pasamento me suscita é a de se a xente toda da cultura que andamos sempre ó seu redor, chegados os días acedos que pra el chegaron, tivemos con el a xusta correspondencia, a xusta bonhomía e a xusta xenerosidade que el tivo pra con nós ó longo todo da súa vida. Témome que non, con todo, témome que non. Non por cicatería nosa, senón pola grandeza, pola bondade e máis polo desprendemento dos que Isaac fixo bandeira. ¿Quén non lle debe a edición dun libro, quen a cesión dunha galería pra unha mostra de pintura, quén a súa colaboura con esta ou con aquela peza de cerámica, quén a súa palabra amable o seu consello sabio llegado o intre da necesidade? Morreu Isaac Díaz Pardo e este país orfo éo xa en maior medida do que o era onte. Co seu pasamento péchase un ciclo e Galicia deixa de ser o que foi deica hoxe mesmo pra empezar a ser definitivamente doutro xeito, non sei se millor, ignoro se pior, pero si distinto, no que non han coller figuras da talla humana de Isaac Díaz Pardo. Acabaronse, cando menos por unha longa tempada, os mestres e os guieiros. Que Breogán nos colla a todos confesados.

    Escritor, Premio Nadal

    e Nacional de Literatura

    05 ene 2012 / 22:56
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito