Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ OS OUTROS DíAS }

¿E que sobra o traballo dalgún?

    FALABA eu esoutro día cun parente político meu a propósito da designación que recentemene fixo a Real Academia Galega de Filgueira Valverde como o recipiendario dos honores que os galegos lle dispensamos a aquel de entre nós que durante a súa vida cultivase as nosas letras con esmero; xa saben, o Día das Letras Galegas e toda a parafernalia que a conmemoración reclame pois de facer común memoria da súa obra e de celebrala é do que se trata.

    O meu parente fora alumno do instituto pontevedrés que Filgueira dirixeu por anos e gardaba del una memoria contradictoria; por una banda, recordaba que "os seus métodos" producirán non menos de corenta altos cargos nos ministerios españoles nos tempos nos que el mesmo fora un deles e, por outra, deostaba aqueles métodos que o conduciran a el á expulsión do centro educativo nunha xogada que se diría de axedrez. Eu, que non fun alumno de Filgueira, nin moito menos, tampouco moito máis, pensaba mentres tanto na cantidade de escritores e artistas varios que pasaron pola súa férula antes de se facer un nome no noso entorno. Logo, mentres estabamos dacabalo dese meridiano de Greenwich ó que nos referimos esoutro día, referímonos á súa confesionalidade relixiosa e máis tamén á súa deriva política. Decatéime de que non cuestionábamos a súa obra inxente e pensei qué pasaría no noso tecido cultural se, ó cabo duns anos, a RAG só propuxera nomes de xentes adscritas a unha ou a outra corrente ideolóxica, devotos desta ou daquela confesión ou credo, facendo abstracción do valor da súa obra literaria. A sóa posibilidade de que tal cousa poidera suceder produciume un desacougo que non será preciso que o describa.

    Na nómina de autores celebrados o Día das Letras Galegas deben coller todos os nosos, dende Filgueira a Carballo Calero, dende Casares a algún dos xa recordados, tendo en conta a súa obra porque foi con ela coa que axudaron a construirmonos e porque as súas vidas, pra contento de uns e desesperación de outros, aportan sectorialmente e por parroquias pero non a totalidade das nosas preocupacións políticas, confesionais ou simplemnte sociais.

    Filgueira Valverde ten esa obra que reclama ser, cando non leída, releída pra que os máis de nós saibamos qué terra é a que pisamos. Deixemos que os seus alumnos celebren ou deosten os seus métodos, que os seus correlixionarios recen ou non pola súa ánima, que os seus compañeiros de viaxe político canten ou non os seus vellos himnos e aprendamos dunha puñeteira vez que un país, mesmo diría máis, que un proxecto de país se constrúa co esforzo de todos pois todos temos que coller nel, todos estamos ou deberemos estar convocados á común tarefa. Ou é que somos tantos que xa sobra o traballo dalgunha xente?

    Escritor, Premio Nadal

    e Nacional de Literatura

    24 jul 2014 / 22:07
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito