Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Solpor reforza os lazos do Camiño a Fisterra e Muxía con Compostela

Difundirá os seus recursos no evento Un mar de grazas // Forma parte de O teu Xacobeo

Baixo o lema Un mar de grazas, Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, renderá o día 25 de outubro unha homenaxe á cidade de Santiago e aos recomendadores e embaixadores deste destino. Unha cita na que o sector profesional dos concellos polos que atravesa a ruta cara o finisterrae difundirá os seus recursos e "agradecerá o especial agarimo co que é tratado polo sector e a sociedade compostelá", afirman dende o colectivo.

A iniciativa forma parte do programa O Teu Xacobeo, impulsado dende a Xunta de Galicia, e deste xeito Solpor quere reforzar a ligazón entre os que traballan nesta prolongación dos camiños que levan a Fisterra e Muxía e os que o fan en Compostela.

O evento terá lugar no salón real e na capela do Hostal dos Reis Católicos e contará con máis de 50 empresas participantes, nun formato workshop que está especialmente pensado para os profesionais ligados ao Camiño.

A degustación dos produtos da Costa da Morte e doutros concellos polos que pasa a ruta, o sorteo de estancias e unha actuación musical serán outros atractivos de Un mar de grazas, onde se darán cita tamén autoridades autonómicas e municipais.

Jesús Picallo, presidente de Solpor, asegura que "quen veña ao evento atoparase co sector turístico e hostaleiro de calidade do noso Camiño. Para nós, a ruta é a fonte de creación de emprego e revitalización máis importante dos nosos lugares; e vinculados a el levan aparecido todo tipo de negocios e actividades".

Para asistir pregan confirmar a asistencia chamando ao 981 935346 ou a través do correo comunicacionsolpor@gmail.com.

09 oct 2019 / 21:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito