Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Xuíza do Tribunal Penal Internacional

Sylvia Steiner: “Se non rachamos o ciclo da impunidade os crimes seguirán a acontecer”

A xuíza brasileira do tribunal penal internacional, con sede na haia, detalla o seu complicado funcionamento e os difíciles pasos dados dende a súa creación no ano 2006. todos os casos abertos na actualidade teñen áfrica como ‘escena do crime’

“Chegaron á miña aldea e preguntáronlle a meu irmán se estaba listo para unirse ao Exército. El tiña só 17 anos e respondeu que non, entón disparáronlle na caluga. Despois preguntáronme a min. Que podía responder eu ? Tiña 13 anos e non quería morrer (…) Déronme un uniforme e dixéronme que a partir daquel intre formaba parte do Exército. Tamén me deron un novo nome, ‘Chisco’, e dixéronme que volverían para matar os meus pais se non facía o que eles mandasen (…) Por ser moi neno, eu non conseguía facer os exercicios correctamente e por iso batían en min todas as mañás. Dous dos meus amigos morreron polas malleiras. Os soldados soterráronos nas latrinas. Aínda estou pensando neles”.
As declaracións son de nenos soldados utilizados nos conflitos armados na República Democrática do Congo. A pesar de que o uso de nenos como soldados é universalmente condenado como abominábel e inaceptábel, nos últimos dez anos centos de milleiros loitaron e morreron en conflitos ao redor do mundo. Como facer xustiza en casos como eses e como evitar que os responsábeis continúen impunes?
Foi pensando en cuestións como esas polo que se crearon os tribunais internacionais. Esencialmente son tres tipos: a Corte Internacional de Xustiza (das Nacións Unidas), o Tribunal Penal Internacional (TPI) e os tribunais internacionais temporais, como os de Ruanda e Iugoslavia.
Para entender o funcionamento deses tribunais, e en especial do TPI, conversamos coa xuíza Sylvia Steiner, que en 2003, aos 50 anos, recibiu a proposta de traballar nel, na cidade da Haia, Holanda. Forma parte do grupo de 18 xuíces internacionais que compoñen o TPI, participando en casos de repercusión mundial como o do presidente Omar Al Bashir, acusado de xenocidio no conflito de Darfur (Sudán).

Cales son as diferenzas entre a Corte Internacional de Xustiza, o TPI e os tribunais temporais?
A Corte Internacional de Xustiza é o órgano xudicial máximo da ONU e creouse en 1946 para xulgar casos entre Estados. Avalía toda cuestión que poida xurdir entre Estados: problemas de nacionalidade, problemas civís envolvendo o interese de dous Estados, mais, principalmente, cuestións de fronteiras, cando un Estado ten que ser declarado invasor doutro. Por exemplo, o caso do muro da Faixa de Gaza foi decidido alí. A cuestión da invasión de Nicaragua tamén. Tivemos o caso do Congo contra Uganda, no que o Congo alegaba que Uganda estaba en poder dunha parte do seu territorio.
Os tribunais ad hoc ou temporais xa se crearon despois da Segunda Guerra Mundial –como Nuremberg (Alemaña) e Tokio (Xapón)– para xulgar individuos. No comezo da década de 1990, o Consello de Seguranza da ONU creou outros dous tribunais temporais: un para xulgar os crimes cometidos na extinguida Iugoslavia e outro para o xenocidio de Ruanda. O de Iugoslavia funciona na Haia e o de Ruanda, en Arusha (Tanzania). Eses tribunais temporais teñen a competencia de xulgar crimes acontecidos nun determinado territorio, nun determinado intre. Ao acabar cos xuízos os tribunais son extinguidos. A diferenza coa Corte Internacional de Xustiza é que xulgan persoas e non Estados.
Foi xustamente para evitar que de aquí en diante outros tribunais temporais fosen creados, polo que desenterramos o proxecto dun Tribunal Penal Internacional Permanente. A idea xa comezara a ser estudada a partir de Nuremberg –finais da década de 1940– e culminou coa convocatoria da Conferencia de Roma, en 1998, cando o Estatuto de Roma foi asinado e creado o TPI. É completamente independente das Nacións Unidas, mesmo financeiramente. Os Estados-Parte contribúen financeiramente. Esa foi a solución para asegurar que o tribunal fose realmente 100% independente, inclusive das Nacións Unidas.

Cando e por que se abre un proceso no Tribunal Penal Internacional?
Hai tres posibilidades. Primeiro, o promotor recibe denuncias de crimes e decide ou non abrir unha investigación. Pode ser provocado por calquera persoa, ONG, Estado, tanto ten. A segunda posibilidade é que o propio Estado solicite que o Tribunal Penal Internacional actúe. Foi o que aconteceu nos primeiros casos do TPI, con Uganda, República Democrática do Congo (RDC) e República Centro-Africana (RCA). Eles pediran a actuación do Tribunal, pois non tiñan condicións para investigar por estaren no medio dun conflito armado e o goberno sen control de parte do territorio. A terceira maneira de se abrir un caso é cando o Consello de Seguranza da ONU nos remite un caso, que foi o que aconteceu co Sudán.
Unha vez aberto un proceso, cales son as etapas seguintes?
O promotor continúa a investigación e cando pensa que ten informacións suficientes, preséntase perante a chamada Sala Preliminar e pide a expedición dun orde de prisión ou dunha orde de comparecencia –se pensa que a persoa vai comparecer voluntariamente. Aí comeza o que a xente chama un caso –antes era só unha investigación. Cando a persoa comparece ou é entregada ao Tribunal, comeza a fase preliminar, en que todas as probas do promotor e da defensa son examinadas para avaliar se o caso é suficientemente grave e se hai probas razoábeis para levalo a xuízo. Entón, a Sala Preliminar remata a súa actuación cunha decisión de enviar ou non a persoa a xuízo. O mandado de prisión significa que a persoa pode ser prendida no seu país ou calquera outro país que ratificase o acordo –actualmente son 111 Estados-Parte. Unha vez que a persoa se atopa no TPI é constituída unha Sala de Xuízo. Actualmente, temos tres salas constituídas aquí. Despois do longo proceso de xuízo, a Sala expide a decisión de condena ou de absolución. Se fose condenatoria, tamén expide unha decisión de reparación ás vítimas. As vítimas non precisan entrar cunha petición separada para pedir reparación. Participan do procedemento e cando chega á fase de xuízo a decisión de reparación é expedida ao mesmo tempo. E temos unha Sala de Apelacións, que recibe apelacións tanto da Sala Preliminar como da Sala de Xuízo.

De media, canto tempo leva o xuízo?
Os xuízos aquí son máis demorados que os nacionais, pois todo é máis difícil, como traer as testemuñas, por exemplo. Aínda non temos ningún xuízo que rematase. O de Thomas Lubanga, da RDC, por exemplo, está para rematar a mediados de ano e a el prendérono en 2006. Non existe un prazo máximo, mais os xuízos deben ser feitos nun período razoábel. Investigar nun país que coopera como o Congo é unha cousa, investigar nun país que non coopera, como o Sudán, é outra cousa.

Quen fai a defensa desas persoas?
As nosas regras de procedemento garanten a máis ampla defensa posíbel. Todos os medios de defensa son permitidos e admitidos. A defensa pode ter un equipo, incluíndo un investigador, para buscar testemuñas e probas. Cando o sospeitoso chega aquí, preséntaselles unha listaxe cos currículos de avogados do mundo enteiro e pode escoller o que queira. Pode entrevistarse con cantos avogados queira até escoller un. Se quixese o seu avogado persoal, ese avogado ten que ter os requirimentos do TPI, senón só será o asistente dun avogado da listaxe. Temos tamén un sector de defensa pública para dar asistencia aos avogados e facer toda a investigación necesaria en xurisprudencia. É sempre unha función de auxilio á defensa.

Cales as penas posíbeis?
Teoricamente, existe a previsión dunha pena de multa, mais eu non vexo iso como algo viábel. A pena máis común é a de prisión, cun máximo de 30 anos. Só cando o caso é de excepcional gravidade será admitida a prisión perpetua. Unha vez condenados á cadea, eles poden escoller o país onde van cumprir a pena, aínda que o lugar escolleito ten que aceptar recibir o preso e asinar un acordo co Tribunal. O país recibe o preso, mais todos os chamados incidentes de cumprimento de pena continúan connosco. As autoridades locais non poden decidir, por exemplo, dar liberdade condicional. O preso é noso.

Algúns países como China e EUA aínda non ratificaron o acordo. Por que?
A miña visión persoal é que a medio e longo prazo todos os países van ratificar o Estatuto. A medida que mostramos que somos un tribunal independente, máis e máis países se van adherir. Os motivos de resistencia son varios. No caso dos EUA, creo que é unha cuestión de tradición, pois non teñen o costume de ratificar acordos. Outros países aínda están traballando en reformas constitucionais para poder ratificar o Estatuto. A maior parte, penso, aínda están a observar. O Tribunal é novo, comezou en 2006 co primeiro caso, e penso que precisan de máis tempo para verificar a nosa actuación.

Cantos casos tedes neste intre?
Hogano temos seis casos en marcha, todos de África: Sudán, República Democrática do Congo (RDC), República Centro-Africana (RCA) e Uganda. Hai dous xuízos en marcha e a partir de xullo teremos tres. O primeiro é o de Thomas Lubanga (RDC), pola utilización de nenos soldados. O segundo é do Germain Katanga e Mathieu Nqudjolo (RDC) por ataques a aldeas con mortes, violacións, etc. O terceiro, que comeza en xullo, é o de Jean-Pierre Bemba Gombo (RCA). O que está máis próximo ao final é o de Thomas Lubanga. Probabelmente o vindeiro caso a ser aberto será sobre as eleccións de 2008 en Kenya.

Vostede participou do primeiro caso do Tribunal, o caso Thomas Lubanga. Como foi a experiencia?
Foi a primeira persoa en ser entregada ao TPI. Foi un caso moi difícil, pois, a pesar de termos as regras, non tiñamos ningún precedente práctico e os problemas ían xurdindo, non sempre con respostas claras. Creamos un procedemento a partir de cero. Foron dez meses para chegar á confirmación da acusación. Cometemos erros, aprendemos e perfeccionamos o procedemento. O resultado final foi unha decisión moi ben fundamentada. As acusacións foron: alistamento de nenos, utilización de nenos e recrutamento forzado. Foi un caso importante, pois é unha situación emblemática. Particularmente, considéroo un crime de extrema gravidade.

Como foi o caso do presidente do Sudán, Al-Bashir?
Este caso foi distinto porque nós só expedimos a orde de prisión, ou sexa, temos un caso aberto, mais non seguimos adiante porque non está presente. El non recoñece a lexitimidade e nin sequera a existencia do TPI. Foi un caso en que o promotor veu con varias acusacións de crimes de guerra, contra a humanidade e xenocidio. Examinamos durante meses a documentación, milleiros de páxinas de documentos, e expedimos a orde de prisión por crimes de guerra e crimes contra a humanidade. Sudán non forma parte do Estatuto de Roma, mais se el sae de Sudán a outro país que colabora co TPI pódeno prender.

En xeral, cal súa visión do traballo
desenvolvido até aquí polo TPI?
Penso que estaba a facer falta un tribunal como ese e creo na súa importancia. Son moitas tarefas, mais traballamos con moita paixón. É preciso chegar á fin da impunidade. Se vostede non racha o ciclo da impunidade, os crimes van continuar a acontecer. Chegará que un día todos os Estados sexan capaces de ter os seus propios tribunais e xulgar os seus crimes. Mentres, estamos aquí para iso..

 

PERFIL


Sylvia Helena de Figueiredo Steiner (1953) é brasileira. Xuíza do Tribunal Penal Internacional (TPI) dende 2003 e por un período de nove anos. É especialista en dereito internacional dos dereitos humanos e dereito internacional humanitario. Anteriormente foi membro do Consello Penitenciario de São Paulo e da Corte Federal de Apelacións. A xuíza Steiner escribiu sobre os dereitos humanos, os dereitos das mulleres e os nenos e nenas, o dereito penal e o dereito penal internacional. É membro da Asociación de Xuíces para a Democracia Brasileira.

  

25 jun 2010 / 17:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito