Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A terra prometida de 'O segredo da Pedra Figueira

Queizán recrea simbolicamente a procura da liberdade e reivindica o protagonismo e potencialidades femininas

O 5 de decembro de 1984 María Xosé Queizán (Vigo, 1939) puña o punto e final ao relato longo O segredo da Pedra Figueira, publicado pola editorial Tintimán no ano 1985 con ilustracións de María Fé, Marife e Maife Quesada (nomes cos que asina esta ilustradora, Zamora, 1957) que representan un mundo bucólico en tonalidades coloristas e harmónicas.

Esta narración reeditouna Edicións Xerais de Galicia en dúas coleccións: "Xabarín", en 1989, e "Fóra de xogo", en 2003 e 2011, dirixidas todas elas ao lectorado xuvenil. A reedición de 2011 actualiza o texto de 2003 á normativa vixente na lingua galega e corrixe excesivos castelanismos.

O Segredo da Pedra Figueira é unha obra ateigada de elementos de carácter simbólico e mitolóxico postos ao servizo da reivindicación das personaxes femininas. É unha mostra máis do labor a prol da muller realizado por María Xosé Queizán na maior parte dos seus traballos. É mágoa que últimas edicións de "Fóra de xogo" fora eliminada a precisa introdución que Carmen Blanco asinaba na reedición de 1989 onde se achegaba á autora e analizaba este relato longo.

Se ben esta obra estruturalmente responde aos trazos dunha narración de aventuras, a viaxe non é só física senón que implica unha mellora vital dos personaxes cara á conquista da liberdade e un proceso de maduración interior e de coñecemento de saberes e tradicións ancestrais por parte de Lazo, a rapaza protagonista, por mediación da súa avoa e guía Sensatanai.

Así mesmo constitúe unha recreación simbólica e identitaria de múltiples elementos e piares básicos dunha cultura como a galega. Mostra o poder e a sabedoría presentes nas pedras, nas árbores, na etnografía, na historia, na xeografía, na transmisión oral e na mitoloxía e sobre todo salienta que as figuras femininas son fundamentais no proceso de salvagarda da historia.

Os desolados habitantes da illa de Tule actúan como heroes bíblicos, das sagas históricas e dos contos marabillosos que emprenden unha travesía, ante a devastación que os rodea, na procura dunha terra prometida, dun edén no que vivir en familia unha nova vida tranquila e feliz. Unha viaxe chea de obstáculos a superar como é o caso de deixar atrás xente querida, tan emblemática coma o avó, e a súa terra; vencer a ira dos Señores das Tebras; saír da Caverna dos Tesouros; atravesar a Costa da Morte, non sucumbir ás mulleres lobas e mudar o seu estilo de vida guerreira para se afacer á vida rural da próspera e babilónica Findasol, remate da travesía e comezo dunha vida nova.

Queizán une etnografía, crenzas, lendas e mitos galegos e universais, historia e xeografía. Dota de simbolismo os nomes dos personaxes, tribos, lugares e obxectos, e presenta unha parábola da absoluta liberdade e unha reivindicación feminista e dos alicerces identitarios.

caracocha4@hotmail.com

Literatura Infantil e Xuvenil

PARA LEMBRAR
Onte foi o aniversario de Antonio Reigosa (Zoñán, Mondoñedo, 15 agosto 1958), escritor, investigador da literatura de transmisión oral galega no grupo “Chaira” e creador da Enciclopedia Virtual Galicia Encantada. Na LIX galega iniciouse no ano 1998 con Memorias dun raposo, Premio Merlín na edición de 1998, e en colaboración con Xosé Miranda e Xoán R. Cuba encargouse da colección de contos “Cabalo Buligán”. A súa última achega é Lu e Go pola muralla, publicada no ano 2010. elos
PROTAGONISTAS ELIXIDOS
The White Ravens 2011. Son hoxe as nosas protagonistas as obras incluídas nesta selección das mellores obras de LIX que elabora anualmente a Biblioteca Internacional da Mocidade de Munich. En 2011 incluíronse nela as obras galegas O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo 2009, Edicións Xerais, 2010), de Marcos Calveiro, na que un adolescente narra o seu proceso de madureza e os derradeiros días de vida en Auvers do pintor Vincent; e Contos para nenos que dormen deseguida (Kalandraka, 2010), de Pinto&Chinto (pseudónimos dos escritores e humoristas gráficos David Pintor e Carlos López), historias moi breves, para poder escoitar o final, onde aparecen personaxes próximos ao imaxinario infantil. Tamén se incluíron as seguintes obras transvasadas ao galego: Caixa de cartón (OQO, 2010), de Txabi Arnal, relato sobre inmigración dende a ollada dunha nena pequena; e Palabras envelenadas (2010), de Maite Carranza, thriller policial sobre abuso sexual e maltrato de xénero. elos

para coñecela +

90
Reescritura dos materiais narrativos de transmisión oral II. Os escritores continuaron empregando diferentes elementos temáticos e formais dos contos de transmisión oral dándolles un uso lúdico por medio de diferentes técnicas. É de salientar que co emprego da parodia e o humor foron desmitificados e subvertidos os personaxes agresores do conto marabilloso, sobre todo as bruxas e os ogros, como por exemplo en Sete casas, sete bruxas e un ovo (1997), de Gloria Sánchez; As bruxas esbrúxulas (1999), de Xoán Babarro e Don ogro de papel (1993), de Xosé Antonio Perozo. Noutras obras dotáronse os personaxes de sentimentos humanos, caso da bruxa en Manual para unha pequena meiga (1993), de Gloria Sánchez; do personaxe tradicional de Xan Guindán da serie de Bernardino Graña; e do dragón en Dragón Rock (1999), de Xaquín Marín. Por último, os creadores reelaboraron contos para reivindicar valores como foi o caso salientable de Bernardino Graña que en O gaiteiro e o rato Pérez (1994), Premio Merlín 1993, destaca a amizade e a vida en contacto coa natureza; e de Uxío Novoneyra en Ilda, o lobo e o xabarín (1998) que, baseándose na lenda de Ildara, reivindica a liberdade, a xustiza, o respecto pola natureza e a identidade galega. CARMEN FERREIRA BOO

16 ago 2011 / 02:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito