Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ OS OUTROS DÍAS }

Tres cuartos de século

    Hoxe cumpro anos. Setenta e cinco. Cando sendo neno me preguntaba que idade acadaría e botaba contas, estas datas de hoxe, ofrecíanseme tan lonxe de min coma lonxe estaba a lúa; logo, o ser humano pousou o seu pé no satélite terrestre e todo botou a rodar entolecido. Dende entón isto non para. Podo dicilo así non por ter nacido meses antes da primeira explosión atómica, que non leva propiciado case que nada a velocidade dos cambios habidos, se me deixan dicilo cun aquel de fina ironía, senón porque o mundo, o mundo no que vivimos, comezou a cambiar coma nunca o fixera dende que, no Neolítico ou coma consecuencia del, apareceran as ocupacións laborais que chegaron ata a miña nenez. Refírome os labradores e ós guerreiros, ós sacerdotes e ós ferreiros, ós cazadores, os carpinteiros e así toda a relación de ocupacións, oficios e instrumentos que ós da miña idade aínda puidemos contemplar en uso. Ou é que xa ninguén recorda o arado e maila grade de madeira ou nun viu un tellado ensamblado coas vigas fixadas con cravos de madeira?

    Fai sorrir o feito de pensar naqueles afáns de nos imaxinar como habería ser Galicia unha vez chegado ó ano 2000 e saber xa, a día de hoxe, como foi ese dous mil que nos trouxo un país que non se asemellou demasiado ó que intuíron os que foron considerados como os cerebros máis preclaros e poderosos da nosa sociedade. Sumémoslle vinte anos máis, á tal entrada nun novo milenio, e veremos que a nosa sociedade de hoxe, ou sexa, a Galicia actual, tampouco non ten moito que ver coa dese no tan mítico dous mil como se pretendeu que o fose. Así que un vai de sorriso en sorriso...e, se non afeito, si resignado a contemplar o devalar do tempo e os disparatados cambios que, en non poucas ocasións, ese devalar nos aporta.

    Ninguén nos avisou de que íamos ser un país de vellos resignados e mansos, maiormente ocupados en asar os churrascos que os nosos emigrantes foron aprender a facer na Arxentina, mentres que estariamos a enviar fóra das nosas lindes ós mozos e mozas titulados en Medicina e Arquitectura, en Dereito e Química, en Física ou en Matemáticas, por parar eiquí e non seguir dando relación de todo canto título se expide nas nosas universidades.

    Puidemos sospeitar que a hostalería acabaría por ser unha case que industria nacional, en vista de canto hotel e canto restaurante levamos montado os galegos polo mundo adiante, pero non o cerquiña que estamos de ser un país de camareiros e de funcionarios, sexan estes das forzas armadas ou das consellerías e dos ministerios.

    Hai corenta anos aínda se falaba de organizar a sociedade do ocio e o que nos saíu ó encontro, no mundo enteiro, pero eiquí tamén, foi a sociedade do negocio a toda costa por conta de xentes sen traballo e soberbiamente explotadas, cando non por un capitalismo neoliberal e salvaxe; ou por un capitalismo de estado disfrazado de comunismo. Cando no Divino Sainete, escrito por Currros Enríquez, Deus se asoma a contemplar o mundo que creou exclama alporizado: "Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve". Pois talmente así.

    É certo que aumentou o nivel de vida, tamén a idade media das persoas; certo que temos unha sanidade que, pese a tódolos pensares, aínda segue sendo exemplar; certo tamén que a docencia é de alto nivel e que non todo son desgrazas, pero non é mentira que resulta desolador contemplar as aldeas baleiras, os montes ateigados de especies invasoras, os prados sen gando, os ríos sen pesca, os mares espoliados e en transo de desaparición todo un xeito de ocupar o mundo, toda unha cosmovisión que chegara deica nós nun envexable estado de pureza que está practicamente esfumado.

    Nestes días, dende as institucións europeas, estamos sendo advertidos de que o noso idioma se está a perder cando, non hai nada, o noventa e pico dos cidadáns galegos o falaban ou o entendían facendo un uso máis ou menos frecuente del, mentres que agora os mozos están a abandonalo de contado. En que nos estamos a equivocar, que é o que nos impide falar dous ou tres idiomas coma tanta outra xente europea? Somos menos ca calquera deles? Houbo anos, non hai moito, nos que houbo esperanza. Pero agora estámola a perder. O feito de ter escrito novelas históricas correspondentes a todos os séculos que median entre o XVI e mailo XXI obrigoume a documentalas con algún rigor; pois ben, en todos eses séculos da nosa historia Galicia reclamou comunicacións con Madrid. Seguimos nas mesmas. Ó millor, terzado este século, ó millor, temos trens de alta velocidade que nos unan co resto de España. Que certo é o verso do Celso Emilio que di do "mar, ese camiño"!

    Tres cuartos de século estes meus nos que cabe de todo, dende ilusión e esperanza, ata desesperanza e desilusión. Non é certo que a ovella mansa mama da súa nai e máis da allea. Enganámonos. Á ovella mansa ou ben a papa o lobo ou ben a trasquía todocristo.

    ESCRITOR, PREMIO NADAL E NACIONAL DE LITERATURA

    04 ene 2020 / 22:57
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito