Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

O trevo da sorte

    CHEGA TARDE, MOI TARDE, a noticia deste libro de Medos Romero, pero non a destempo porque a boa literatura nunca caduca nin é extemporánea. Unha deficiente distribución, un mal endémico das nosas editoriais pequenas, fixo que este ramallete de relatos da poeta e narradora das Pontes e Valdoviño arribase as miñas mans dez anos despois da súa edición.

    Mais, entón e agora, agasállanos Medos Romero, esa "anana branca que gaña en condensación a cada paso", con textos de recompensa inmediata pola súa brevidade e as súas intensas tramas cuxa cerna pon diante dos nosos ollos e do noso corazón un inmenso cadoiro de inquéritos verbo da condición humana en tempos menesterosos, verbo das súas feblezas e do destino de homes e mulleres atrapados por esas leis determinísticas que soen acubillar nos sentimentos.

    Velaquí outra vez a voz de Medos Romero mergullándonos en relatos á vez fermosos e paralizantes. Relatos doentes, con moitos protagonistas, case que todos mulleres. Mulleres heroínas desde a súa condición de vítimas. Vítimas do mal que roe sen canseira ou sacrificadas na violencia de xénero. Mulleres espoliadas polo seu propio home recen acabadas de parir ou ás que una taberneiro ten a proba como se dunha lavadora se tratase. Mulleres desgonzadas, sobadas por familiares e que se senten como moscas atrapadas nunha arañeira, paralizadas na violencia machista ou na escravitude. Mulleres mutiladas que soñan co peito mutilado tirado no caldeiro do lixo. E de cando en vez, mulleres duras con lousas frías no canto de corazóns, donas porén de palabras melindreiras.

    Relatos, moitos deles de hospital como prolongación e final tráxico da vida. Entre tanta dor e violencia, Medos Romero nutre algunha das súas prosas con lendas e mitos que nos fan regresar á vida dos nosos lugares e aldeas, pero tampouco de alí está ausente a traxedia nin a fachenda dos ricos que comían pan branco, nin os imposibles soños dos nosos labregos cos seus calvarios, horas de vinganza, moita crueldade, mais tamén algunha raiola de olmura. Prosas fortes, arrepiantes, as deste libro de Medos Romero, onde a violencia non é allea á condición humana cando está presa polos sentimentos. Capaces algúns de remover os cimentos emotivos e facer xurdir mareas vivas na alma mediante unha perfecta simbiose entre o fondo e a forma.

    18 feb 2013 / 21:53
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito