Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{tribuna libre }

Ulises fala galego

    En 1926, catro anos despois da súa edición orixinal en lingua inglesa, Ramón Otero Pedrayo traducía ao galego e publicaba na revista Nós algúns fragmentos da novela Ulises de James Joyce, introducindo por primeira vez nunha lingua peninsular textos dunha das obras que están na cumieira da narrativa contemporánea. Mais o Ulises, a que é para moitos escritores e críticos a mellor novela en lingua inglesa do século XX, seguía sen ter unha versión íntegra na lingua de noso. Ata arestora. Porque un equipo de catro persoas con perfís complementarios acaba de traducir para Editorial Galaxia este “opus magnum” da literatura universal.
    Xa que logo, desde hoxe Leopold Bloom, Stephen Dedalus e Molly Bloom falan galego. E todos nós podemos gorentar na lingua propia ese 16 de xuño de 1904 no que os tres personaxes arquetípicos percorren Dublín, invertendo e subvertendo de xeito antiheroico os temas típicos homéricos.
    No trazado de Ulises, ese libro que nunha primeira ollada semella caótico e desestruturado, do que o seu mesmo autor confesaba que introducira no texto tantos enigmas e quebracabezas que os críticos estarían ocupados durante séculos discutindo sobre o mesmo, cómpre salientar, por riba de todo, a consagración do que o mesmo Joyce chamou “parole intérieure”, o monólogo interior, a expresión do pensamento de cada personaxe, como se fose gravado en directo. Engádase a todo isto o simbolismo épico; a atmosfera naturalista coa que o autor retrata a capital irlandesa; a habelencia coa que fai xurdir fermosura desde as tebras da sordidez; o papel protagónico da linguaxe neutral que fai posible que internamente poidamos convivir con seres mediocres que reflicten acaidamente a natureza indixenredacccciónte da condición humana.
    De certo, neste libro recoñecémonos todos como pobres seres, sempre parlantes por dentro ou por fóra, aínda que inseridos, non no noxo e na angustia, senón na compaixón da linguaxe e na música da fermosura. A publicación na lingua de noso deste clásico moderno contribúe a que o sistema literario galego poida considerase culturalmente normalizado. As grandes obras da literatura universal deben formar parte do noso patrimonio cultural. Como un dos grandes mananciais de reserva, o Ulises de Joyce estará desde agora ao noso dispor en intres de penuria ou fartura.

    25 dic 2013 / 20:04
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito