Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

'Un mar de grazas' xuntou en Compostela a preto de douscentos profesionais

Román Rodríguez destacou a dinamización da Ruta xacobea na Costa da Morte // Medrou un 6 % o número de viaxeiros

Preto de 200 profesionais participaron onte no evento Un mar de grazas que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos, impulsado pola asociación Solpor, co apoio da Xunta a través de O teu Xacobeo, co fin dar a coñecer os recursos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e para afianzar vínculos e crear alianzas e sinerxias estables entre empresas e profesionais de Compostela e da prolongación da ruta xacobea.

O acto central estivo presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen salientou a capacidade da Ruta xacobea para dinamizar a economía da Costa da Morte. Felicitou aos asistentes pola súa "motivación e esforzo", e agradeceulles a súa labor no recibimento e trato cos peregrinos.

Invitou tamén aos participantes a seguir traballando para conseguir que Galicia chegue a celebración do Xacobeo 21 "na súa mellor versión".

No encontro participaron tamén o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, alcaldes e concelleiros da prolongación xacobea, entre outros. O presidente de Solpor, Jesús Picallo, agradeceu a labor de todas as persoas e profesionais que exercen de embaixadores e recomendadores do Camiño que conduce á fin da terra.

O evento complementouse cun workshop no que amosaron as súas propostas máis de 60 firmas e colectivos da Ruta xacobea.


BOAS CIFRAS. Dende a Consellería de Cultura informaron que a Costa da Morte vén de rexistrar o pasado verán un comportamento positivo na demanda hoteleira, cun incremento de máis dun 6 % no número de viaxeiros. Ademais, tamén se experimentou un crecemento no volume de noites que, con preto de 100.000, medrou un 10,5 % en relación a 2018.

Un incremento que está acompañado polas boas cifras no número de peregrinos. Ao longo deste ano xa se entregaron máis compostelas que no 2018. O Camiño de Fisterra e Muxía, aseguran, "ocupa un lugar destacado", xa que se estima que catro de cada dez peregrinos que chegan a Santiago continúan o seu percorrido cara estas dúas metas xacobeas.

25 oct 2019 / 20:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito