Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ tribuna libre }

Un ‘thriller’ médico

    Tras Las defensas, a novela de Gabi Martínez, agóchase unha historia real: a dun neurólogo que tornou tolo. Unha historia que de xeito casual caeu nas mans do autor cando o neurólogo Domingo Escudero se achegou á mesa onde o escritor asinaba exemplares do seu último libro e lle ofreceu a súa propia historia para que Gabi Martínez a cociñase ao seu gusto, e que o neurólogo resumiu así: “eu son neurólogo, enlouquecín durante unha tempada, daquela non había diagnóstico para a miña enfermidade e engaioláronme nun psiquiátrico. Saín e aquí me tes, semello normal”. Gabi Martínez relata en Las defensas este feito real, mais fantasiado polo narrador, aínda que sen adulterar a verdade.
    O escritor camufla a Domingo Escudero baixo o nome de Camilo Escobedo, protagonista da novela. Na mesma, o narrador achéganos a súa propia historia, alternando secuencias que son verdadeiros flashbacks coas que recupera o pasado, con outras nas que o discurso cínguese ao presente do doente internado nun psiquiátrico para se recuperar dun trastorno bipolar, cuxo orixe está no estrés e no mobbing ao que foi sometido o protagonista polo xefe do servizo de neuroloxía.
    Medicalizado erroneamente, cousa que el sabe, e mesmo candidato a unha sesión de electroshock, supera esta primeira acometida, pero pronto sobrevén a segunda. Porén, antes diso asistiu a un simposio no que participaba o doutor Josep Dalmau que no ano 2007 descubrira o anticorpo que atacaba o receptor NMDA do cerebro. Unha enfermidade diagnosticada de mil formas, todas equivocadas: desde autismo ata posesión diabólica, mais en realidade a súa natureza é máis sinxela: o corpo convértese en vítima do propio sistema inmunitario porque, no canto de atacar unha infección externa, diríxese contra o propio cerebro, alterando a conduta e a memoria. Un libro multixenérico alicerzado nunha historia moi potente na que, a par das derivas do neurólogo louco, o autor traza un retrato verídico de España desde a Transición, nomeadamente do sistema sanitario anquilosado e gobernado por unha casta xerárquica. Escrita cunha tonalidade que roza o épico e cun halo de misterio, Las defensas convértese nun verdadeiro thriller médico.

    Crítico literario

    08 jul 2017 / 18:44
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito