Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
música e son

A USC converte en aulas universitarias os festivais de Portamérica e Ortigueira

O evento de Nigrán acolle de 15 a 18 de xullo o curso 'Creación musical e music business'e na localidade coruñesa será de 16 a 19 de xullo o curso 'Industria musical en Galicia. Identidade e novas tendencias' // Son a antesala do Máster en Industria Musical, título propio da USC pendente de aprobación e que está previsto iniciar no curso 2014/15

    O equipo de investigación Canal Campus da Universidade de Santiago de Compostela (USC) converterá este verán en obxecto de análise os festivais Portamérica (Nigrán) e Ortigueira, en cursos abertos a calquera persoa interesada e que se desenvolverán nesas localidades coincidindo coa celebración dos dous multitudinarios eventos. Combinaranse os workshops coas prácticas nun ambiente colaborativo, e neste sentido, no marco dos cursos realizaranse actividades relacionadas coa música e o son.

    A localidade pontevedresa de Nigrán acollerá de 15 a 18 de xullo o curso 'Creación musical e music business', no que durante 25 horas lectivas se tratará de contestar tres preguntas: ¿Existe unha industria musical en Galicia? ¿Podo planificarme un futuro 'nisto da música'? ¿Que debo saber e facer para optimizar a miña formación e acelerar a miña aprendizaxe? Así, polo curso pasarán varios dos 'actores principais' de todo ese ecosistema que visitarán Portamérica: artistas, managers, responsables de produción, medios de comunicación e persoal técnico, que debaterán coas persoas asistentes a este curso.

    Mentres, na vila coruñesa de Ortigueira desenvolverase de 16 a 19 de xullo o curso 'Industria musical en Galicia. Identidade e novas tendencias', tamén de 25 horas de duración, no que se abordarán cuestións coma a xestación da industrial musical folk autóctona na comunidade galega, a exportación de talento ou as posibilidades da música na atracción de turismo. Coma no caso de Portamérica, polo curso de Ortigueira pasarán managers, axentes, responsables de produción, persoal técnico e artistas folk, que achegarán os seus puntos de vista sobre o estado da música folk en Galicia e sobre o seu futuro.

    No curso de Nigrán colaboran a empresa Esmerarte, promotora de Portamérica, e o Consorcio Zona Franca de Vigo, mentres no de Ortigueira participa o Concello de Ortigueira.

    Máster en Industria Musical
    Os dous cursos de verán son a antesala do Máster en Industria Musical, título propio da USC pendente de aprobación e que está previsto iniciar no curso 2014/15.

    Os contidos son de interese, entre outras, para persoas tituladas en Ciencias da Información, Comunicación Audiovisual, Belas Artes, Historia da Arte, e Ciencias Económicas e Empresariais, así como persoas licenciadas ou graduadas con títulos obtidos en Conservatorios Superiores de Música. A docencia, a investigación ou o traballo na industria musical son algunhas das saídas deste máster profesional.

    Dirección

    O director dos dous cursos de verán e do Máster en Industria Musical é o profesor titular da USC Xaime Fandiño: músico, realizador de televisión, docente e protagonista de moitos dos eventos relacionados coa música e a televisión en Galicia.


    Programas e inscrición
    Os programas provisionais dos dous cursos de verán xa están dispoñibles en www.canalcampus.es, web a través da cal tamén se pode solicitar máis información e realizar a inscrición. Os datos sobre o Máster en Industria Musical estarán dispoñibles proximamente en www.canalcampus.es.

    Sobre Canal Campus
    Canal Campus é un equipo de investigación en Popular Music Studies que forma parte do Grupo de Investigación GI-1786 – Comunicación audiovisual: contidos, formatos e tecnoloxía, da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

    Este equipo combina docencia, investigación, análise da industria musical e proxectos solidarios, e aspira a desenvolver un contorno sustentable dentro da música. Para iso é preciso crear unha masa crítica e profesional con capacidade de crear activos musicais, así como públicos, audiencias e circuítos coa finalidade de consolidar unha industria que permita desenvolver carreiras profesionais a longo prazo dentro e fóra de Galicia.
    Con esta vocación, desde a USC como órgano imparcial en todo este proceso, pretendemos desenvolver todas as iniciativas que consideramos necesarias, docentes e investigadoras... máis alá da importante formación regrada que achegan os conservatorios e as escolas de música, coa finalidade de orientar carreiras en calquera dos ámbitos da industria musical: creación -artistas, intérpretes...- ou xestión -produción, management, axencia, programación...-.

    Entre as actividades de investigación e divulgación realizadas polo equipo Canal Campus están o estudo ‘Do palco ó escenario’ (para a AGADIC), experimentos de transmisión de datos con ‘latencia cero?’ (realizado co Centro de Supercomputación de Galicia), creación dun grupo musical residente na Facultade de Ciencias da Comunicación –Boys e Vacas-, o proxecto de integración musical de estudantes desprazados ONU e catalogación da confortabilidade acústica en espazos públicos dedicados á comunicación sonora.

    14 may 2014 / 20:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito