Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Claudio Rodríguez Fer Poeta, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC

“A utopía é unha realidade xa existente no amor e a poesía”

{ Lugo 1956 } Claudio Rodríguez Fer, poeta, narrador e ensaista, é profesor da Universidade de Santiago (USC), institución na que dirixe a Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente.

O recoñecemento que recibiu en Uruguai o ano pasado tiña mensaxe universal ?
Espero que si, pois para min a galeguidade é e debe ser unha forma de universalidade, e máis na emigración, á que tanto deben a sociedade e a cultura de Galicia.
Vostede perdeu ou gañou algo en New York?
Fun por primeira vez a dar clase en Nova York en 1992 e volvín moitas veces a disertar, recitar ou presentar obras miñas en inglés, como Tigres de ternura e Revolución rosaliana en Nova York, traducidas por Kathleeen March, ou Amores sen morte, antoloxía editada por Diana Conchado. Trátase da metrópole máis multicultural e forma parte tanto da miña vida como da miña obra, pois é a cidade na que máis vivín fóra de Galicia e unha das que me inspirou máis obras, que serán reunidas proximamente nunha nova antoloxía en inglés.
Como é posible que Donald Trump sexa neoiorquino?
Nova York é a cidade da diversidade, así que dá de todo, aínda que por suposto a maioría do pobo neoiorquino non votou por Trump e nela tiveron lugar algunhas das manifestacións máis masivas na súa contra, como a xigantesca marcha das mulleres contra o seu machismo, que tiven ocasión de acompañar e de fotografiar.
Visto o que se ve, aínda sostén que o máis subversivo é a vida ?
Dende que sabemos que existe, a vida imponse sempre e ademáis en permanente evolución, mesmo despois das glacicacións e do nazismo, así que non choveu que non escampase, porque, maila todo, a historia vital é a da loita pola supervivencia e a historia humana é a da loita pola liberación. En realidade, a utopía é unha realidade anticipada que xa existe a través do amor e da poesía.
Os ricos son os que máis entenden do negocio da arte?
Os ricos fan negocio coa arte e con todo, a miúdo explotando a obra póstuma de autores que viviron e morreron pobres, como Van Gogh ou Modigliani. O feito de que non exploten a poesía como negocio é unha grantía de indepedencia e de autenticidade da verdadeira poesía, que, como o verdadeiro amor, non pode comprarse nin venderse. A min interésame moito a arte en diálogo coa poesía. Polo que editei varios libros on obras dos artistas Eugenio Granell e Sara Lamas
O poesía ou é acción ou non é nada ?
Así o digo no poema-poética “Poesía é accion”, do libro A loita continúa, e así o vivo cada día a través da acción humanista no social e da acción amorosa no persoal. Humanismo e erotismo son Os amores profundos que me guían na creación e na vida, tal é como reflicte o título da antoloxía da miña poesía en francés que editou María Lopo e que presentou en Francia fai pouco.
A súa poesía é indisociable da vida ?
Para min, a poesía é indisociable da vida dende o meu primeiro libro xuvenil, Poemas de amor sen morte, atá o proximo, que se chamará A muller sinfonía, pasando polo que resume no seu título o sentido da existencia: Unha tempada no paraíso.
A sociedade opulenta é unha sociedade filistea ?
Abonda con ver a producción lixocultural dominante baseada na alienación, na banalización, na infantilización e na demagoxia da participación manipulada coa fin de destruir a conciencia crítica, a ilustración da xente, a educación do pobo e toda divulgación do rigor e do esforzo nas ciencias e nas artes.
Sempre sabemos onde imos ?
Máis ben nunca o sabemos, sobre todo no importante, como no amor, na ciencia, na arte ou na poesía. Cómpre vivir con intensidade, ata queimarse , con “lume vital”, como dixo da miña poesía Carvalho Calero e como recolleu Olga Novo no título do seu libro sobre ela.
Dito doutro xeito: a poesía é unha viaxe ao descoñecido ?
Así a concebín sempre e así a formulei nos libros A unha muller descoñecida, Viaxes a ti e Ámote vermella. A poesía sempre é unha “estraña estranxeira”, como escribiu Carmen Blanco.
O cine é un dos eixos da lei da gravidade ou da lei da levidade ?
O cine foi o medio de comunicación de masas que máis influíu na vida real do século XX, tanto para ben como para mal. Por iso tratei de facer unha reflexión ao tempo emotiva e crítica sobre o mesmo na miña mocidadde no libro interartístico Cinepoemas, que foi ampliado hai pouco con edición gráfica de Cristina Fiaño. Nel aparecen poética, pero tamén críticamente, os mitos da sétima arte, dende o cine mudo ao cine de autor actual.
Dersu Uzala divide a natureza en boa xente e mala xente. É un principio sostible?
Para o bo salvaxe, ecoloxista natural, que encarna Dersu no filme de Kurosawa, os elementos positivos da natureza son os que preservan a vida e a diversidade, mentras que os negativos son os que a destrúe. Partir deste principio é o que fara sostible a existencia na Terra. máis alá do aparente maniqueismo.

26 feb 2017 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito