Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
cifras e letras

O que valen as empresas

    SON moitas as circunstancias, tanto internas como externas, que poden afectar o valor en Bolsa dunha empresa, mesmo en curtos intervalos de tempo. Por iso tamén se producen cambios frecuentes na lista das maiores fortunas do mundo. En todo caso, non soben e baixan como un ascensor, nin os cambios son tan significativos cando consideramos o seu valor en intervalos de tempo suficientemente longos, digamos algúns anos.

    Así era antes, polo menos. Agora mesmo unha década ou menos é suficiente para darlle un envorco total á lista das primeiras empresas pola súa capitalización de mercado, o que representa o custo de comprar nun momento dado todas as súas accións. É dicir, o prezo de adquirir a empresa ao completo.

    Disto quero falarlles hoxe, e para iso vou comentarlles algunhas diferenzas entre as empresas que a escala global ocupaban as dez primeiras posicións en 2008 e 2018. Só hai dez anos entre medias, pero é coma se transcorrese un século hai só unhas décadas.

    En 2008 só tres destas empresas eran do ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), mentres que en 2018 só tres non o eran. Ademais, Apple, Amazon e Microsoft ocupaban o ano pasado o pódium ao completo e neste momentos Microsoft está á cabeza, por certo. En 2008 todas eran estadounidenses, pero en 2018 coáronse xa dúas chinesas: Alibaba e Tencent. Estas parece chegaron para quedarse un tempo longo e seguro que virán outras detrás, e moi pronto. Alibaba é a equivalente chinesa a Amazon e Tencent é, entre outras cousas, a maior compañía de videoxogos do mundo.

    Hai outro dato que aínda me chamou máis a atención. Só tres das empresas que estaban no top-10 en 2008 seguían aí só dez anos despois: Microsoft e Google, que escalaron posicións, e Johnson&Johnson, que descendeu ao décimo lugar e todo apunta a que sairá da lista en non moi-to tempo.

    As empresas das que lles estou falando valen en conxunto varias veces o PIB español anual e empregan a varios millóns de traballadores. Por iso é tan sorprendente a volatilidade desta lista das dez máis grandes xigantes mundiais e tan reveladora da magnitude dos cambios socioeconómicos que vivimos e dos que somos responsables, aínda que en moitos casos non dun modo planificado nin aínda consciente.

    É certo que non todo a auga do mar móvese igual que a das súas ondas, menos aínda na tempestade, pero tamén o é que son as ondas máis grandes as que cambian o perfil da costa. Nunca vivimos un mundo de cambios tan fondos, tan rápidos e tan impredicibles como o de agora, por iso non podemos afrontalo só a través do aprendido do pasado. Necesitamos novas formas de pensar e de actuar, o que require de novas formas de educar.

    Director do CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnologías Inteligentes

    Universidade de Santiago

    22 sep 2019 / 22:38
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito