Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Valga recibe a un grupo de peregrinos con discapacidade que percorre a ruta xacobea en favor da plena inclusión

Voluntarios de Protección Civil acompañáronos no tramo que discorre polo noso concello para axudalos e darlles apoio // “O Camiño está en bastantes boas condicións, non atopamos ninguha barreira que non puideramos superar”, destacan

Valga recibiu onte a un grupo de peregrinos con discapacidade que están percorrendo o Camiño Portugués a Santiago e gravando un documental sobre a súa experiencia. Trátase de trece usuarios do centro para persoas con discapacidade intelectual de Medelo (Silleda), dous deles en cadeira de rodas, aos que acompañan seis monitores. A iniciativa, que promove a plena inclusión, a superación de barreiras e a normalización da discapacidade, conta co respaldo da Consellería de Cultura e Turismo no marco do plan de dinamización do Xacobeo 2021 e, en concreto, do programa “O teu Xacobeo”.

A expedición comezou onte a súa andaina no municipio veciño de Caldas e, pola tarde, chegaron a Valga para percorrer o tramo do Camiño que discorre polo noso concello. Contaron co apoio de voluntarios da agrupación de Protección Civil, que lles abriron paso e os acompañaron no percorrido, prestándolles a súa colaboración e axuda. Onte remataron a xornada en San Miguel, deixando atrás máis de trece quilómetros, e esta mañá coas mochilas cargadas de motivación retomaron o camiño no mesmo punto en dirección a Pontecesures. O venres ao mediodía teñen previsto chegar á Praza do Obradoiro despois de percorrer uns corenta quilómetros.

Iván García Teo, psicólogo que acompaña a este grupo de peregrinos, explica que “os usuarios do noso centro viven en zonas rurais e non teñen difícil acceder a determinados servizos, ben porque non hai transporte público adaptado ou porque a distancia entre as súas casas e os núcleos urbanos son considerables. Eles demandan iniciativas de ocio para relaxarse e desconectar e dende o centro de Medelo organizamos actividades coma esta”, que é ademais unha forma de sensibilizar sobre a discapacidade. Porque mentras peregrinan están grabando o documental “Rodando no Camiño”, que reflexará as vivencias nestes días de andaina e, ao mesmo tempo, divulgará o patrimonio cultural, etnográfico e ambiental dos pobos polos que pasaron, entre eles Valga.

O psicólogo explica os motivos que os levaron a elixir o Camiño Portugués para esta experiencia: “non é o máis masificado e, ademais, vimos que o pasado ano só fixeran este camiño unhas 80 persoas en cadeira de rodas”. Baixo a consigna “Somos capaces”, que levan impresa nas gorras, propuxéronse engrosar esa lista e “o que nos atopamos é que o Camiño está en bastantes boas condicións para os nosos usuarios, todos con discapacidade intelectual e nalgúns casos tamén física e sensorial. Só tivemos dous momentos de dificultade en Caldas para pasar dous regatos e no tramo de Valga non atopamos ninguna barreira que non puideramos superar”.

03 oct 2019 / 00:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito