Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
dodro

Versos contra a perda do país

O colexio Eusebio Lorenzo Baleirón vestiuse de gala para a entrega do premio que leva o seu nome na honra do poeta local ·· Xabier Xil Xardón recibiu un cheque de 2.300 euros e a súa obra será editada por Soutelo Blanco ·· O gañador escribe ao "que tivemos e podemos recuperar"

"Este poemario leva o selo de todos os que levamos a bagaxe da Limia e do que esa terra perdeu, pero amplíase para ser unha metáfora de todas as perdas do país galego, que podemos recuperar". Xabier Xil Xardón, esbozou de xeito claro e sinxelo o espírito da obra que o fixo merecedor do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que entrega dende hai 21 anos o Concello de Dodro.

O novísimo gañador recollía onte no colexio Eusebio Lorenzo Baleirón o seu premio arroupado pola ovación de máis de medio centenar de persoas congregadas no centro. Entre elas, os tres impulsores deste galardón, Avelino Abuín de Tembra, Anxo Angueira e Helena Villar, presidenta ademais do xurado do certame, que dera xa a coñecer o nome do seu gañador a fin de semana pasada.

Precisamente, foi Helena Villar a encargada de abrir o acto de entrega, xusto despois de que un recital de música tradicional galega dera a benvida aos presentes da man da Coral Polifónica de Laíño, en Dodro.

Villar definiu o premio Eusebio Lorenzo Baleirón como "un dos máis consolidados do país", dedicado ao "gran poeta de Dodro, que segue axudando a que medren os versos dende a pluma dos novos creadores", a través do certamen. Así mesmo, lembrou que homes como o "ilustre fillo de Dodro", os poetas, "dignifican o pobo galego".

A continuación tomou a palabra, Anxo Franco, tenente de alcalde dodrés e xurado do premio. Franco dirixiu unhas palabras de agradecemento a Edicións do Castro, a editorial a través da cal se publicaron as anteriores vinte obras gañadoras do premio, que este ano editará Soutelo Blanco. O tenente de alcalde de Dodro foi tamén o encargado de facer entrega ao gañador do seu premio: 2.300 euros, en calidade de dereitos de autor; a figura de Sargadelos Homenaxe ao Castro; e o compromiso de edición de 500 exemplares da súa obra.

Xunto aos agasallos a Xil Xardón, a organización do certame achegou tamén un ramo de flores e unha figura idéntica de Sargadelos á familia de Lorenzo Baleirón, representada no acto a través da nai e a filla do poeta.

Pola súa parte, o alcalde de Dodro, Arturo Díaz, recorreu a unha recente entrevista feita polo xornal Galicia Hoxe a outro poeta dodrés, Carlos Negro, para facer súas as declaracións do autor, profesor tamén no Lorenzo Baleirón, nas que definía o oficio poético como "un terceiro pulmón invisible que nos enche de osíxeno" e nas que aseguraba que "da influencia de Baleirón ninguén vai quedar excluído".

. ataladrid@elcorreogallego.es

21 dic 2008 / 23:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito