Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Víctor L. Molinari

    Víctor Luís Molinari era un poeta e xornalista arxentino de pais xenoveses. En 1953 fixo unha viaxe a Galicia e namouro do país. De volta a Bos Aires foise achegando á nosa cultura. Vencellouse ós nosos escritores e artistas do exilio. Galicia foi dende entón un tema constante no seu facer literario. Na revista Galicia emigrante, fundada por Seone en 1954, comezou a publicar uns aforismos de contido galego co título de Itinerario gallego.

    En xullo de 1957, Anisia e máis eu creamos Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego en América. Un día o poeta entrevistounos por Radio Libertad, na audición semanal que el atendía, xunto con Seoane, e que levaba o mesmo nome da citada revista. Amistamos e pouco tempo despois propuxémoslle editar un libro co título da sección que viña publicando, con todos aqueles aforismos. Aceptou compracido. Eu traduciríao ó galego.

    Concretamos todo unha tarde na biblioteca do Centro Galego, nunha reunión que rematariamos no bar Breogán. Tradución o texto en poucas semanas. Pedímoslle un prólogo a Suárez Picallo, e Laxeiro ilustrou a cuberta e fixo un retrato do autor. O 10 de setembro de 1958 quedou rematada e impresión bilingüe.

    Acabo de reseñar o feito polo miúdo porque se dan varias coincidencias: era o primeiro libro de Molinari de tema galego. Publicaría logo El perfil en la sombra, Canto a las provincias gallegas, Poemas para mi retorno, e outros, ademais de traballos sobre Rosalía e Castelao. Esta tradución era o primeiro texto que eu publicaba en libro; a primeira cuberta que ilustraba Laxeiro, e o primeiro prólogo que escribiu Suárez Picallo. E xa dixemos que foi tamén o primeiro título que editou Follas Novas. O libro distribuiuse por toda América, e foi premiado pola Sociedad Arxentina de Escritores. Publicouse unha segunda edición en Lugo, en 1970, con textos adicionais que traduciu Arturo Reguera.

    13 dic 2008 / 21:41
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito