Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
literatura

Vigo acolle a homenaxe da AELG a María do Carme Kruckenberg

Os xardíns de Montero Ríos e o Pazo de Castrelos, os lugares escollidos para plantar unha oliveira, descubrir unha placa e facerlle entrega á autora da letra E ·· A poeta viguesa cumpre hoxe ademais oitenta anos

A poeta María do Carme Kruckenberg recibirá hoxe a Homenaxe á Escritora na súa Terra que celebra anualmente a Asociación de Escritores en Lingua Galega, un tributo a autoras e autores "senlleiros e imprescindíbeis das nosas letras".

O acto será en Vigo e coincide ademais co día no que María do Carme Kruckenberg cumpre oitenta anos. Comezará ás 12 horas nos xardíns de Montero Ríos, onde se plantará unha oliveira (a árbore escollida pola poeta). Nese lugar descubrirase ademais unha Pedra Escultórica, dedicada á homenaxeada, nos xardíns de Montero Ríos, á altura do número 22, onde naceu a autora.

Ás 13 horas no Pazo de Castrelos terá lugar o acto oficial de entrega da letra E, unha peza realizada este ano por Silverio Rivas. A esa entrega en Castrelos asistirán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Pilar García Negro, que lerá a homenaxe á escritora, á que lle ha responder a propia Kruckenberg. Está prevista tamén a participación da alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e do presidente da Autoridade Portuaria, Abel Caballero.

Arredor de Rábade Paredes

Os XIV encontros na Terra Chá, que se celebran mañá na Casa da Cultura de Cospeito, e que organiza a Asociación Xermolos, xirarán arredor do escritor Xesús Rábade Paredes. Ás 12 horas terá lugar unha táboa redonda coa participación de Xesús Alonso Montero, Xosé Luis Axeitos e Xulio Valcárcel. Logo, ás 13 horas, presentarase o libro de Rábade Os anos da memoria e ás 14 horas terá lugar un xantar.

03 jun 2006 / 00:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito