Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
GALICIA XXI ·· ACTORES DEL CAMBIO

Xan María Castro: "Hai presións moi grandes contra a sanidade pública" antonio hernández

“As medidas contra a crise que tomou o Goberno galego son axeitadas, pero deben axilizarse”

Xan María Castro Paz (A Coruña, 1945), secretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia desde abril do ano 2000, presenta unha dilatada biografía de sindicalista, iniciada a mediados dos anos 60. Pasou dúas temporadas na cadea: en 1970 e dous anos despois, tras ser detido repartindo propaganda sobre os acontecementos lutuosos ocorridos o 10 de marzo de 1972, nos que os traballadores Amador Rey e Daniel Niebla morren como consecuencia dun tiroteo da policía cando se manifestaban diante da factoría naval de Bazán no Ferrol, en demanda de melloras laborais e liberdades democráticas. O encarceramento de 1972 suporá para Xan María Castro a perda do seu posto de traballo no Banco Central, do que agora está prexubilado grazas a acollerse en 1985 á amnistía laboral.

_ ¿Para saír desta crise o diálogo social é unha peza clave?

_ Nós defendemos o diálogo social na etapa de crecemento e tamén sinalamos os seus límites. Agora é máis necesario, e a nosa pretensión é ir a un modelo de crecemento distinto do actual.

_ ¿Ese modelo pasa por afortalar o Estado do benestar?

_ Indubidablemente. E pasa por modificar os instrumentos reguladores que hai a escala internacional ou crear uns novos. A Organización Mundial de Comercio o único que expresa son os seus desacordos internos. O Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional están desfasados.

_ ¿Como acolleu as medidas contra a crise que puxo en marcha o Goberno central?

_ En xeral, parecen bastante ben. Quizais nos parezan peor esas medidas que se sacan como golpe de efecto -refírome ao dos 400 euros-, e non tanto polas medidas en si, senón porque ao mellor son sustitutivas de outras que había que poñer a nivel fiscal, como unha reforma progresiva. CCOO estivo en contra de todas as reformas fiscais dos gobernos do PP e dos gobernos do PSOE, porque pensamos que foron nun sentido regresivo, e perdeuse de ingresar moito no erario público español, tanto por o imposto sobre a renda como por o imposto sobre o patrimonio. Parecía que era porque sobraba, pero agora vemos que non e xa veremos ata cando se pode ir tirando, porque haberá déficit público.

_ ¿Está de acordo coa desaparición do imposto de sucesións?

_ Visto o visto por aí adiante, a modificación que se fixo en Galicia non nos pereceu mal; está feita con un certo rigor, e xa non digamos respecto a Madrid.

_ ¿O paquete de medidas sucesivas contra a crise que está tomando o Goberno galego desde xaneiro é o adecuado?

_ Foron medidas axeitadas, pero desde que se fala das medidas ata que se aproban pasa bastante tempo. Deberían ser máis áxiles. Non obstante, a execución de obra pública mellorou moito respecto de anos anteriores.

_ ¿Galicia está a cambiar o seu modelo de crecemento?

_ Apunta na boa dirección. Estase incidindo no que nós vimos reclamando: ir cara a un modelo produtivo de maior valor engadido. A construción hai que mantela, pero non como ata agora, e xogar con outras perspectivas como o fomento da vivenda de alugueiro, a rehabilitación e a obra pública. Déronse pasos, pero poden parecer escasos porque Galicia partía de moi abaixo. Por exemplo, en investimento en I+D+i estase a dar un paso importante; estanse a tomar en serio o da educación, porque unha materia que temos pendente é da formación profesional, que xa se menciona no acordo pola competitividade. Son medidas positivas que irán dando resultado co tempo, cando teñamos varios orzamentos nesa dirección.

_ ¿Sopréndelle que a economía galega leve 10 trimestres seguidos crecendo por riba da media española e europea e que a taxa de paro estea tres puntos por debaixo de española?

_ Sorprende, pero algo ten que ver con isto o que estamos a falar de que as cuestións se están a facer relativamente ben. Tamén é certo que noutras zonas do Estado era escandaloso o boom do ladrillo. Galicia apunta na boa dirección, o cal non quere dicir que non vaiamos ter problemas como en todos os lugares.

_ ¿Que sectores da economía galega ve con máis futuro?

_ Dos sectores clásicos, o naval está a vivir un momento bo; a automoción é certo que agora ten un problema, pero é un subsector que está moi diversificado e ten futuro; logo está o téxtil; e hai algúns sectores cos que había que xogar máis forte, como o agroalimentario e a pesca, pensados non como sector primario senón como sector industrial e transformador.

_ ¿Astano debe retornar á producción naval?

_ Como mínimo había que considerar esa posibilidade. De momento aínda temos unhas intalacións e traballadores cualificados. Algo que, de seguir así, xa non o podemos dicir dentro duns anos. Sería unha lástima que se perdese. Hai dificultades coa Comisión Europea e unha posición moi pechada na SEPI, pero a opinión galega tamén ten que pesar á hora de decidir.

_ ¿Galicia terá AVE no 2012?

_ Pensamos que non se van rematar as obras para o 2012. E gustaríanos equivocarnos. É verdade que hai que poñer datas de referencia, pero tamén é verdade que hai que poñer datas que sexan cribles.

_ ¿Cal é a postura de CCOO sobre a factoría de Ence en Pontevedra?

_ Houbo precipitación, pola presión de determinados compromisos e promesas, ao dicir primeiro que se trasladaba e logo que xa dirían a onde. Eso levou a unha bipolarización excesiva na poboación de Pontevedra. E hai que ter en conta que hai uns traballadores, unha industria que sería máis rendible se se completara o ciclo, e os problemas ecolóxicos que iso ten para a ría de Pontevedra.

_ ¿Comisións Obreiras é partidaria do traslado de Ence?

_ Si, se se concreta ese traslado, porque ata agora non apareceu ningunha alternativa.

_ ¿Está de acordo con o concurso eólico da Xunta?

_ Non me gustou moito como se deu. É algo que había que afrontar, pero notouse en falta unha maior transparencia e unha maior claridade sobre o que pode representar isto no conxunto da enerxía e nos problemas ambientais e ecolóxicos.

_ ¿A lei de protección do litoral é necesaria?

_ En liñas xerais apunta ben. Fai falta un plan do litoral, estamos a tempo de facelo, e iso debe ser compatible con instalar determinadas industrias, sobre todos aquelas que contaminan menos e crean máis riqueza.

_ ¿E o plan de acuicultura?

_ Pois un pouco o mesmo. É algo totalmente necesario. A pesca non vai a menos e haberá que potenciar actividades complementarias, cun equilibrio entre a actividade económica e o respecto polo medio.

_ ¿A sanidade pública mellorou ou empeorou?

- Déronse pasos positivos, pero os problemas da sanidade son moi difíciles de solucionar. Hai presións mui grandes, de tipo corporativo e de tipo empresarial, que opoñen moita resistencia a que avance o sistema público de sanidade. CCOO bota de menos un acordo a medio e longo prazo entre os partidos políticos, similar ao da Seguridade Social cos pactos de Toledo. Con todo, e a pesar do malo que nos pareza, o sistema sanitario español, e por suposto o galego, segue sendo dos mellores do mundo, e corre o perigo de ter unha deterioración grande se non se afrontan determinadas medidas.

_ ¿De financiamento?

_ Non só de financiamento. Tamén ao gasto hai que darlle unha maior utilidade cun mellor aproveitamento das instalacións e do persoal, porque as melloras salariais deben estar relacionadas cun mellor servizo. Nese sentido o acordo que houbo en atención primaria foi positivo. E tamén foi moi positivo que houbese un acordo dos sindicatos sobre o plus de exclusividade: se é un plus que se cobra en razón dunha maior dedicación, non se debe xeneralizar.

_ ¿A formación profesional é a pata coxa do sistema educativo galego?

_ A formación profesional é o talón de Aquiles do sistema educativo galego. Hai que conseguir que a formación profesional recupere a estima na poboación. Da FP poden saír moi bos profesionais, e ao ter unha boa cualificación obter unha mellor remuneración. E a universidade é unha institución de compartimentos estancos, necesita abrirse á sociedade, e para iso debe acometer cambios internos.

_ Estamos a catro meses escado das eleccións galegas, ¿que supuxo o cambio político que se deu en Galicia en 2005?

_ Comisións non vai pedir o voto para ninguén, pero faremos unha análise. Temos críticas ao Goberno bipartito, pero é un cambio para mellor respecto ao Goberno anterior, e déronse pasos importantes, como o diálogo social, que repercute en algo tan importante como o emprego e a competitividade. Cremos que se están a facer relativamente ben as cousas e, de repetirse os resultados de 2005, este Goberno tería posibilidades de ir máis alá no cambio iniciado. Pero non nos gusta como se está facendo a atención as persoas dependentes.

_ ¿Sopran ventos favorábeis á recuperación do sindicalismo?

_ A afiliación incrementouse con o crecemento económico, porque había máis asalariados, pero o certo é que a nivel mundial hai unha caída da afiliación. Afílianse máis os traballadores fixos ca os temporais.

_ ¿A unidade sindicale é unha utopía?

_ Deberiamos ter un grao maior de unidade do que hai, pero tampouco podemos pretender que sexa ao cen por cen, porque entón acabariamos sendo unha única organización. Neste momento, vivimos un grao de unidade razoablemente importante UXT e CCOO e, en cambio, non o vivimos coa CIG coa que levamos un período bastante longo de desencontro.

_ ¿Ese desencontro é máis sindical ou máis político?

_ Pode haber causas políticas, pero a cousa é máis complexa. Ás veces é a parte da CIG máis ideoloxizada a que intervén nesto e non tanto a liña máis oficial do BNG. Son posicións apriorísticas: a min sorprendeume que hai unhas semanas, nun acto no que coincidimos os secretarios xerais das tres centrais sindicais, Suso Seixo dixera que eles non ían celebrar con Comisións e UGT o 1º de Maio de 2009.

EL PERFIL

“Durante un tempo fun actor de teatro”

-¿En que lecturas anda?

Neste momento estou con Misericordia, de Benito Pérez Galdós, e cun libro de CCOO, mui bo por certo, sobre os presupostos xerais do Estado para 2009 e a situación da economía española. E un pouco antes deume por ler distintas obras de Mario Puzzo: El Padrino, Los Borgia, Omertá, El siciliano...

-¿Vai con frecuencia ao cine?

Antes, si ía moito; agora, case non vou. Son moi cinéfilo, pero levo xa un tempo sen pisar salas de cine, unha das últimas películas que fun ver foi a dos irmáns Coen, Non é un país para vellos, na que traballa Javier Bardem. O cine agora véxoo en DVD, pero non hai como velo nunha sala. Non hai comparación.

-¿E ao teatro?

Bastante pouco. Aínda vou menos que ao cine, e iso que no seu momento, si ben durante un tempo, non moito, fun actor de teatro no grupo de O Facho. E coincidín con algúns que logo foron alguén nese campo, como Manuel Lourenzo ou Xan Cejudo.

-¿Que música lle gusta escoitar?

Moi variada. A clásica gústame toda, Mozart, Vivaldi, Beethoven, etc., pero tamén os boleros e os corridos mexicanos, e ás veces dáme por cantalos.

-¿Cales son as súas preferencias nas artes plásticas?

Prefiro a pintura antes que a escultura. Velázquez, Goya e Picasso gústanme moito e tamén, Xaime Quessada.

-¿A arquitectura é arte?

Entendo que si; é unha arte que ten moita relación coa vida, cos lugares onde viven as persoas e cos lugares que visitan as persoas. Á vista de todos están grandes obras arquitectónicas que poden ser catalogadas de arte.

-¿Onde lle gusta viaxar?

Gústame viaxar, pero a verdade é que ultimamente viaxo menos. Por motivos da miña propia actividade eu teño que viaxar bastante polo conxunto do Estado, e logo algunha vez a Bruxelas, Estrasburgo e Luxemburgo pola cuestión sindical europea. Nos veráns teño ido moito a Portugal, a Iugoslavia e a Romanía, e logo a Italia e Grecia.

-¿Que opina do teléfono móbil?

Manteño unha boa relación con el: utilízoo con relativa frecuencia pero non son seu escravo. É un bo medio de comunicación, non obstante, sigo a crer que son máis importantes as relacións directas coas persoas que un móbil que as substitúa.

-¿E do PC portátil?

Ata agora non o utilicei. Supoño que non terei máis remedio que utilizalo algún día, pero resístome a facelo.

-¿Que tal se defende na cociña?

Ben... A cociña non é un dos meus puntos fortes. Manéxome con cousas para saír dun apuro, pero pouco máis.

-¿E con outras tarefas domésticas como lavar, pasar o ferro, facer a cama, etc?

Procuro facelas, pero recoñezo que non é algo que me guste demasiado.

-¿Ten quen llas faga?

Non, non teño quen mas faga, fágoas eu, aínda que me custa.

21 dic 2008 / 01:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito