Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
LITERATURA

Xavier Queipo: "A poesía ten moito que ver cos biorritmos"

EL CORREO distribúe hoxe na cidade de Santiago o seu libro "Pegadas", volume 18 da colección Poeta en Compostela ·· A súa publicación celébrase cun acto na Galería Sargadelos ás sete e media da tarde

    "Os meus libros non xorden coma gromos dunha árbore ou lava dun volcán. Diría que se van fraguando. A poesía ten moito que ver cos biorritmos e eu acredito nas xeiras poéticas e mesmo nos momentos poéticos. Pegadas xurdiu dunha acumulación deses momentos, como resultado deses ritmos, nesas estacións precisas". Así explica Xavier Queipo a xénese do seu novo poemario, que fai o número dezaoito de Poeta en Compostela.

    Esta colección de libros xurdiu da man da Concellaría de Cultura compostelá e do Grupo Correo Gallego, coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e a presentación do volume que se distribúe hoxe de balde con EL CORREO en Santiago celebrarase ás sete e media da tarde cun acto literario na Galería Sargadelos, na Rúa Nova.

    Queipo, que naceu na capital galega, lembra que "comecei escribindo a man, nos vidros embazados da sala de xogos do piso da rúa do Preguntoiro, no núcleo antigo de Compostela. Logo, xa mozo, chegaron as madrugadas interminábeis tecleando con rabia unha Underwood que o avó trouxera do Uruguai, facendo copias en papel carbón, presentándome a concursos que non gañaba ou que si. Agora continúo escribindo a man nuns pequenos cadernos italianos tamaño postal, e, xa logo, paso os textos nun ordenador IBM que merquei de terceira ou cuarta man. Reescribo n veces n, e así ata que me sinto satisfeito, de xeito que a semellanza entre o resultado final e o proxecto inicial é, as máis das veces, ben cativa".

    Afirma que "escribo, se cadra, porque andei moito mundo dentro e fóra de min, porque os meus puntos cardinais son cinco coma os sentidos, ou talvez sete coma os sete mares, ou tres coma no espazo euclidiano, ou un só que está no centro de min. Escribo nos barcos, nos avións, nos trens, nos aeroportos, nos hoteis nos que deixo caer os meus ósos de familia de reumáticos, nas cafetarías das cidades e as vilas que visito, na casa dos amigos que me acollen, nos xardíns botánicos, nos bancos dos parques, nas praias nudistas, no medio dos piñeirais e nas carballeiras máis queridas, nas rúas molladas, nas illas, na horta dos meus antepasados e, de cando en cando tamén, no apartamento de Bruxelas ou na casa que temos en Vigo".

    A PÉ DE OBRA

    Do "Ulysses" a "Dragona"

    "Teño libros comezados hai dez anos -explica Xavier Queipo- e outros que comezaron esta semana. Hai uns días rematei con outros colegas o primeiro borrador da tradución ao galego do Ulysses de Joyce. En Portugal sairá o ano que vén unha novela que titulei provisoriamente Dragona, que está tamén camiño de ser publicada en Galiza, pero que encontra as dificultades propias dun mercado que se nutre principalmente dos premios". O autor non ten blog polo de agora pois "para facer algo interesante precisan dunha dedicación e dun tempo do que non dispoño. Así e todo, colaboro nun blog portugués, Prazeres minusculos, desde que hai uns meses fun invitado por varios colegas escritores".

    Tampouco tiña páxina web, "pero hai un grupo de amigos que decidiron que era interesante que a tivera" e xa está en fase de construción no enderezo www.xavierqueipo.com .

    PALABRAS

    Literatura e vergoña dos destinatarios

    "A literatura galega, e a poesía non é a excepción, sofren dunha enfermidade que é a inhibición dos seus destinatarios á hora de aceptala, de mercala, de lela. Persiste unha especie de vergoña de ser, de se expresar, de se identificar como galego e en galego", asegura.

    O necesario dominio da linguaxe

    "A poesía require un dominio da linguaxe, do que se quere dicir e do que se quere agochar -a través da metáfora ou da elipse, por exemplo-, diría que eu considero escribir e ler poesía unha manifestación de madurez", sinala o escritor santiagués .

    25 abr 2006 / 10:39
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito