Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Xosé Mª Lema Suárez é o novo gañador do premio Reimóndez de xornalismo

Un dos artigos galardoados publicouse en EL CORREO// Recibirá 1.500 €//Entregarase o 17 de setembro na Estrada

O premio Manuel Reimóndez Portela de xornalismo xa ten novo gañador. Xosé María Lema Suárez acaba de sumarse á lista de autores na historia deste certame, que cumpre xa quince anos. Lema, nado en Bamiro, no municipio de Vimianzo, é o autor dunha serie de artigos publicados en diversos xornais da comunidade, entre eles en EL CORREO GALLEGO.

O xurado valorou na serie gañadora "a defensa da lingua galega como definitoria da identidade e valor fundamental da nosa cultura", engade a acta. Lema, que dende o ano 1992 é catedrático de Xeografía e Historia no IES Antón Losada Diéguez da Estrada, suma así un novo recoñecemento á súa ampla traxectoria, cunha extensa obra e numerosos artigos sobre historia, arte, etnografía, lingüística ou onomástica, entre outros moitos.

O novo gañador, que tamén é membro da Real Academia Galega e do Instituto Padre Sarmiento, entre outros, fixo a súa tese doctoral sobre a arte relixiosa na terra de Soneira, a súa comarca natal, unha obra que vai xa pola segunda edición. Lema Suárez, que reside no veciño municipio de Teo, recibirá o galardón, dotado con 1.500 euros, o vindeiro 17 de se- tembro. No acto, enmarcado na programación da XXIV Feira do Moble de Galicia, actuará como mantedor o ex conselleiro de Cultura Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, un dos promotores, xunto co recordado Reimóndez Portela, do denominado Estatuto dos 16.

Alí recordarase tamén ao que foi o primeiro presidente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, entidade que convoca o premio, e o seu labor pola cultura, que agora se prolonga coa convocatoria do premio xornalístico que leva o seu nome e que axuda a fomentar a lectura en galego. O xurado estivo composto nesta edición pola xerente da fundación, Nuria Campos, Miguel de la Calle, Valentín García, Luis Reimóndez e José Manuel Blanco (secretario).

delegestrada@elcorreogallego.es

17 ago 2010 / 02:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito