Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O SAL DA TERRA

Xuíces políticos

    Repito, de entrada, o que escribín hai xa tempo neste recuncho: é unha mágoa que a estupidez, como actuación, non estea contemplada no vixente Código Penal español, nin que fose como atenuante. Porque, en definitiva, foi a estupidez (por frivolidade se se quere) o que moveu aos partidos independentistas a actuaren como o fixeron ao longo dos anos no que se ven chamar “o procés”.

    Unha actuación que respondía a unha situación obxectiva: a detracción da capacidade económica das clases medias catalás en favor das elites económicas extractivas que dominan o Ibex35. Unha situación que tivo un desafortunado correlato político cando o Tribunal Constitucional, pola denuncia presentada polo Partido Popular, retallou en 2010 o Estatuto de Autonomía aprobado polas Cortes e referendado pola cidadanía catalá catro anos antes.

    Coas retalladas provocadas pola crise económica, a coalición daquela gobernante na Generalitat, CiU, con Artur Mas á fronte, estragou as bases do estado do benestar en Cataluña: dez anos despois, o ensino, a sanidade e os servizos sociais aínda non ergueron cabeza (velaí o informe dos reitores das universidades públicas de hai apenas uns días). E para evitar que aquela revolta social e as emerxentes sospeitas de corrupción arrasasen o goberno converxente, Mas pasou a liderar o malestar que o crecente independentismo expresaba nas rúas. O resto –no fondo, a loita pola hexemonía política en Cataluña- xa é coñecido.

    E naquela deriva por gañar esa hexemonía, o respecto pola legalidade vixente foi ignorado olimpicamente en nome de maiorías simples, o autoconcedido dereito a decidir ou pensar que se tiña a razón e que así o considerarían as institucións europeas.

    Pero, asemade, a absoluta inacción por parte do goberno español, daquela presidido por Mariano Rajoy, levou a que a aceleración independentista pensase que tiña vía libre para calquera desaforo, sen considerar as eventuais consecuencias. E cando estas chegaron a un “postureo” –que non acción efectiva- que poñía en cuestión as estruturas do Estado, púxose en marcha a acción implacable da xustiza española.

    Xa coñecemos o recorrido da prisión preventiva, do xuízo no Tribunal Supremo e a sentencia e condenas feitas públicas o luns 14 de outubro. Sen contrariar a aplicación literal dos anos de cárcere que corresponden aos delitos contemplados no código penal, cómpre facer algunhas reflexións que afectan, especialmente, á lectura política das consecuencias.

    Unha primeira, sería porque se a manifestación –non autorizada, de acordo- perante a consellería de Economía a mediados de setembro de 2017 non foi considerada un acto de sedición de inmediato senón ata quince días despois da celebración do referendo ilegal do 1 de outubro.

    Outra é a consideración, por elevación á rebeldía, das actuacións que tiveron lugar entre setembro e outubro de hai dous anos. Tal consideración foi levada adiante tanto polo xuíz instrutor, Pablo Llarena, como pola Fiscalía Xeral do Estado. A instrución por rebeldía xa supuxo anular os dereitos electorais dos procesados tanto nas eleccións autonómicas que seguiron á aplicación do artigo 155 da CE, como nas eleccións xerais do pasado abril.

    Pero con independencia de se as penas impostas polo Tribunal Supremo son excesivas ou non, de se son xustas ou non (para min son inxustas e excesivas), o certo é que a consideración dos feitos xulgados como sedición deixa en moi mal lugar tanto ao xuíz instrutor Llarena como aos representantes da Fiscalía, que teimaron na rebeldía. Como quedou en mal lugar o xuíz que presidía a sala do Tribunal Supremo, Manuel Marchena, que en diversas ocasións reprendeu á representante da Avogacía do Estado, Rosa María Seoane, que sempre defendeu cualificar os supostos delitos como sedición, nunca como rebelión. E mal quedaron todos aqueles políticos, comezando por Pablo Casado e Albert Rivera, que –ignorando a presunción de inocencia ou de non enteira culpabilidade- encheron cadansúa boca de cualificativos de “golpistas” para designar aos independentistas xulgados.

    Cómpre que as autoridades do Estado sexan conscientes que o asunto non remata aquí.

    14 oct 2019 / 19:59
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito