Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
TÍA MANUELA

Xustiza cultivada

    IGUAL que pasou outras veces, o falar non ten cancelas en ningún dos ámbitos coñecidos, incluídos os eidos científicos, de investigación e pescuda; incluídos os amplos campos da política que cada día se xeran, rexeneran e, con toda a confianza, dexeneran. E, por que? Probablemente poidan explicalo os paisanos nosos, atentos sempre ao acontecer diario, ao tempo, ao cambio climático e aos cambios de lúa. Os nosos paisanos saben que hai quen fala por non estar calado e comparten aquilo que xa dicía Plutarco, "para saber falar hai que saber escoitar". É unha lección sinxela, milenaria e especialmente útil para aquelas persoas que non escoitan e andan na gobernanza.

    Os nosos paisanos sábeno ben e a Tía Manuela, tamén: "Do escoitar vén a sabedoría", tan necesaria, tan conveniente, e case imprescindible, para seguir avanzando e para manter a confianza nos que a ofertan. Neste tempo das improntas todo se ve diferente, doutra maneira, como se cambiasen os ollos. Os que queren falar sós, anteriormente pedían que os escoitasen e que se propagasen as súas mensaxes entre as xentes, entre os votantes, entre os comerciantes da política, os compradores de ilusións e os vendedores de esperanza. Agora, como todo, como o clima, o proceso é de cambio. E, cando o cambio vai para ben, prezados lectores, debe ser imparable.

    O cambio é igual que as feiras, que ningunha é mala, xa que nelas "uns perden e outros gañan". Quen gañará nesta feira sen pulpo ou, para os galegos cultivados, sen polbo? Aí está, gañarán eles, os de sempre, os que non perden nunca. E a feira será mala para os outros todos. Galicia quedará repartida entre os gañadores, os perdedores e os que seguen igual. Cadaquén coa súa parte e distinta fortuna. Hai un cuarto grupo, o daqueles que non figuran, os non adscritos, dos que ninguén sabe por onde e para onde camiñan.

    Se na mercadotecnia ou marketing da política houbese asesores que controlasen, quixesen e puidesen orientar aos non adscritos, serían verdadeiramente capaces de anunciar con bombo sonoro, e aos catro ventos, a vitoria daqueles aos que lles corresponde mandar e mandan, con cambio ou seguindo nas mesmas, dobregados á inxustiza ou, con gusto, á xustiza por eles cultivada. Dito!

    Xornalista

    14 ene 2020 / 21:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito