Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O personaxe

Soutullo, un compositor internacional

Este creador que comezou a compoñer aos 18 anos, está emparentado co mestre reveriano soutullo // A galega Laura Alonso interpretará en Nova York unhas cancións deste vigués baseadas en Martín Códax

O vigués Eduardo Soutullo é un dos compositores galegos máis recoñecidos a nivel internacional. Aos 42 anos, o Festival Via Stellae dedicoulle unha retrospectiva da súa creación. O grupo Ensemble 21 estreou a súa obra Toward/from the East/ West-In Memoriam Toru Takemitsu e tamén interpretou outras dúas: All the echoes listen, co que conseguiu en 2005 o Premio Ciutat de Tarragona e Have you said espectral coa que se fixo co concurso Manuel Valcárcel en 2007.

Os galardóns acumúlanselle a este creador que comezou a compoñer aos 18 anos, emparentado pola parte da súa familia ponteareá co mestre Reveriano Soutullo (1880-1932). Mesmo acaba de facer unha xira por Estados Unidos, levando un programa de música española dende o barroco á actualidade xunto ao pianista Mario Prisuelos.

Ademais, en novembro, a soprano galega que vive en Berlín, Laura Alonso interpretará no Carnegie Hall en Nova York, unhas cancións compostas polo vigués sobre textos de Martín Códax.

As súas obras para orquestras foron dirixidas por mestres da talla de Jacques Mercier, Hannu Lintu, Olli Mustonen, Antoni Ros-Marbà, Carlos Miguel Prieto, Rubén Gimeno ou Virginia Martínez e interpretadas por orquestras como a Orchestre National de Lorraine (Francia), a Orquestra Sinfónica de San Petersburgo, a Sinfónica de Barcelona e a Nacional de Cataluña, a Sinfónica de Galicia ou a Real Filharmonía de Galicia así como ensembles como Drumming (O Porto), Art Ensemble (Barcelona) e solistas como Ananda Sukarlan, Oleg Malov, Gustavo Díaz-Jerez, Miquel Bernat e Carmen Gurriarán.

Ademais, o 26 de agosto, a Orquesta Joven da Sinfónica de Galicia tocará na Coruña a súa obra They hear no answering strain, que o vindeiro día 5 interpretará en Santiago.

Foi ademais un dos tres compositores seleccionados para representar a España nos World Music Days 2008 convocados pola International Society of Contemporary Music. Tamén impartiu clases nos Conservatorios de Vigo e de Ourense.

Non lle faltan datas para estrear as súas obras. Nunha entrevista concedida a Galicia Hoxe esta semana, aseguraba que poñía a maioría dos títulos en inglés porque traballa cos versos de poetas como Oliver Wendell. Afirmaba tamén que o que intenta coas súas pezas musicais é "restablecer o diálogo co público" e que en Galicia faltan máis xestores culturais que programen boa música.

29 jul 2010 / 18:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito