Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
festa

Días de viño e cornos

Viño, cornos e ruído. Non teñades medo, que falamos dunha festa. A romaría vikinga de Catoira espéranos o domingo para sacar o primitivo que todos levamos dentro, e que mellor que dar renda solta ós instintos primarios nunha das xoldas máis divertidas de Galicia.
Este ano celébrase a 46ª edición dunha festa declarada de Interese Turístico Nacional, na que os veciños e visitantes se visten como guerreiros e toman literalmente a vila pontevedresa, polo que cómpre un consello: non presenciar o envite impolutamente vestidos, porque a festa enxebre é un rato.
Ás dez da mañá arrinca a romaría, que comeza co desembarco dos aguerridos guerreiros enchoupados en viño, porque aquí o que corre é o tinto, non o sangue. O obxectivo da festa é simular o desembarco do navío dos invasores preto da illa de Ratos para atacar a península de Catoira, antigamente defendida polas Torres do Oeste, que hoxe están parcialmente derruídas.
Ó chegar ó seu obxectivo, os fortes homes do norte toman terra e comeza unha loita sen cuartel. Os veciños da vila, polo tanto, disfrázanse á antiga usanza con peles, escudos, machado de guerra e os típicos cascos con cornos, polo que o espectáculo merece a pena.
Despois, como non, a comida eríxese como protagonista nesta orxía de berros e viño, e os mexilóns son o principal aliciente desta festa gastronómica á que se apunta todo o mundo.,
Para visitar Catoira o domingo, polo tanto, cómpre facerse con armas de todo tipo, cornos, peles e barba, todo iso regado de bo humor.

Pero xa durante a fin de semana a vila pontevedresa celebrará multitude de actos paralelos para que a diversión non se supedite só ó desembarco propiamente dito. Así, mañá sábado presentarase o libro Cociña Vikinga de Marcelino Campaña, e celebraranse varios bailes folclóricos ademais da clásica verbena na alameda da vila. Xa o propio día da festa, haberá espectáculos de animación nas rúas, circo, e gran baile coas orquestras Montes e Suavecito.
O nacemento da festa débese a un grupo de intelectuais e veciños de Catoira agrupados no Ateneo del Ullán en 1961, pero foi en 1968 cando comezou a súa popularidade grazas á introdución do barco vikingo na xolda, un areneiro convertido en Drakarr, que salvando as dificultades dunha marea moi baixa, remonta as Torres do Oeste coas velas despregadas, bordea a illa do Rapto e diríxese ó asalto da fortaleza.

Pero foi no ano 1987 cando se produciu outra novidade destacada, cando se construiu un drakar auténtico copiado dos irmáns de Frederiksund, grazas ó irmanamento cos compañeiros daneses, que teñen nas terras do norte un costume moi parecido.
Iso si, o que non cambia é a xolda desatada en terra trala invasión dos vikingos, á que segue unha romaría campestre amenizada por numerosos grupos que provocan o baile dos asistentes, que dan boa conta de todos os manxares que alí se serven, entre os que destacan as sardiñas, os mexilóns, o polbo e as tortillas.
Así que xa sabes, esta fin de semana toca transformarse, quitarse o bañador e o bikini e enfundarse en prendas nórdicas non moi abafantes. Para darlle un toque, uns cornos, pero mellor de plástico, que os invisibles pesan.

AXENDA
Cambados: albariño e música

Máis de 40.000 botellas de albariño e tolemia colectiva: isto é Cambados.
A vila pontevedresa acolle nestas datas a festa máis importante de todo o ano, a que lle rende honor ó viño da Denominación de Orixe Rías Baixas, fresco, branco e saboroso.
E claro, se o viño corre a esgalla, non pode faltar a música nunha festa declarada de Interese Turístico Nacional.
O ex Rodríguez Ariel Rot, o vigués Iván Ferreiro, os míticos La Unión e Huecco (si, o de “pa mi mulata, pa mi guerrera...”) serán os principais protagonistas da festividade, unha das favoritas de todos os galegos.
¿E o viño?. Pois non podemos esquecernos del, porque no Paseo da Calzada situaranse 45 casetas de máis de 47 bodegas, todas con denominación de orixe, onde se pode degustar o viño.
Outro dos actos máis senlleiros da festa será o nomeamento das Damas e Cabaleiros de honor da orde, onde destacadas personalidades da sociedade collen a testemuña de protexer tan honrosa distinción. Esta fin de semana, polo tanto, Cambados prepárase parta superar un novo reto, o de visitantes. O ano pasado, máis de 150.000 persoas visitaron a vila pontevedresa. ¡Alí estaremos!.

03 ago 2006 / 19:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito