A aldea de Riobó retrocedeu cunha animada festa ata tempos da Idade Media
A aldea de Riobó (Cabana) retomou a Tarde-Noite no Medievo no que supuxo o regreso deste popular festexo logo duns anos de parón. A xornada deu comezo coa camiñada ata a Torre da Penela e a posterior escenificación de Terra de raíñas a cargo do grupo Os Quinquilláns. A saída efectuouse diante da igrexa co grupo musical Os Repichocos.
Durante toda a tarde, os asistentes puideron gozar de paseos a cabalo, dos xogos tradicionais aportados polo Museo Etnolúdico de Galicia, dunha degustación de receitas, de exposicións e mostras artesanais, algunhas delas en vivo, ou da actuación do meigho Yago Espasandín, mentres que a animación musical veu da man de O Son de Cabana, O Son do Castro, As Cantareiras de Riobó, Os Farrapos, Os Repichocos e o grupo de danza tradicional Inllar.
A continuación, Irma Macías, vocalista da agrupación Luar na Lubre, leu e pregón e, acto seguido, tivo lugar unha das actividades máis agardadas: as prevodas medievais, que este ano contaron con dúas parellas que se deron o si, de xeito oficioso, no altar de Riobó.
Despois da realización dos enlaces, A pitanza do santo serviu para repoñer forzas antes do espectáculo de Animacreques Catropés e dos concertos que ofreceron a todos asistentes as formacións Arredores e A banda da Balbina.