Concellos

A arte dos bolillos achegou preto de dez mil persoas á Mostra do Encaixe

Presentado o cartel da trinta e unha edición, que se celebrará na Semana Santa de 2022 // Conxuga a tradición das puntillas e paraxes naturais de Camariñas

  • 14 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Preto de dez mil persoas desfrutaron da trinta edición da Mostra do Encaixe de Camariñas, que pechou as súas portas o martes cun balance que, dende o Concello non dubidan en calificar de moi bo, tendo en conta que a feira non se celebrou nas datas habituais de Semana Santa debido á situación sanitaria.

A pesares diso, e de que outubro xa non é un mes tipicamente vacacional “o público demostrou que tiña ganas de Mostra, e nestes cinco días notouse”, afirman. Outra boa nova é que os amantes da arte dos bolillos xa non terán que esperar tanto pola próxima edición, pois no acto de peche do trinta aniversario xa se deu a coñecer o cartel promocional da feira de 2022, que se celebrará do 13 ao 17 de abril, coincidindo de novo coa Semana Santa.

A alcaldesa, Sandra Insua, e a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, foron as encargadas de dar a coñecer a que será a imaxe da trinta e unha edición, que agardan que sexa a feira na que se recupere a “total normalidade” e, entre outras cousas, “poder volver a recibir ás delegacións internacionais que tanto se botaron de menos nesta edición”.

O novo cartel combina a tradición do encaixe, representada polos palillos, coas fermosas paisaxes que ofrece Camariñas. Neste caso os palillos repousan no Monte Branco con vistas ás praias de Trece ao fondo. “Coñécennos polo encaixe e queremos que tamén o fagan porque vivimos no paraíso”, destacou Encarna Liñeiro.

Na xornada de clausura o público volveu a encher o pavillón de desfiles para presenciar o ben que o fan as encaixeiras sénior e os rapaces e rapazas do PequEncaixe, un fermoso intercambio xeracional no que, sobre a pasarela, se deron o relevo o presente e o futuro do encaixe de Camariñas.

Ademais, os asistentes puideron desfrutar das pezas de artesanía con aplicación de encaixe que se amosaron na nova sección de ArtEncaixe, nun novo desfile que, tralo éxito acadado, parece que chega á Mostra para quedarse e repetir experiencia nas vindeiras edicións.

Non faltaron os Grandes Deseñadores, que se despediron de Camariñas e do público ata a seguinte Mostra realizando un último pase cargado de festa e emoción.

A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, agradeceu no seu discurso a “todas as persoas que traballaron arreo e se implicaron para que todo saíse ben” e deu por clausurada “a Mostra máis agardada, que seiscentos días despois foi unha realidade”. Dixo ademais estar segura de que “cando pasen trinta anos, seguirase vivindo coa mesma ilusión”, concluíu.

Por outra banda, a alcaldesa, Sandra Insua, e os concelleiros e concelleiras Encarna Liñeiro, Sergio Caamaño e Fabián Canosa fixeron entrega duns agasallos aos nenos e nenas das Escolas Municipais de Palillo, que tamén foron protagonistas na feira que acaba de pechar. Unha cita na que tiveron cabida outras múltiples actividades paralelas, como o III Torneo de Xadrez Mostra do Encaixe de Camariñas.

Na memoria desta trinta edición quedarán tamén os sons musicais, como a velada amenizada pola orquestra París de Noia e as actuacións das agrupacións folclóricas Abrindo Rejo, Con toda en banda e Vaiche boa.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.